Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2020 por «Feliz idade»

O xurado destacou da obra a súa condición como «un relato vitalista que celebra el amor y la existencia más allá del tiempo»

A escritora Olga Novo
A escritora Olga Novo

Redacción

Olga Novo vén de gañar este xoves o Premio Nacional de Poesía 2020 pola súa obra Feliz idade. O xurado destacouno como «un relato vitalista que celebra el amor y la existencia más allá del tiempo». «El libro es una criatura viva que relaciona la maternidad y la muerte con una profunda presencia crítica de la memoria histórica», engadiu o fallo, que cualificou a obra poética da escritora gañadora como «inconfundible y de gran potencia, conjuga autenticidad y verdad, y se distingue por su lenguaje visionario que trae a la contemporaneidad el eco ancestral de toda una tradición literaria». A obra publicouna Kalandraka na súa colección Tambo. O galardón concédeo anualmente o Ministerio de Cultura e está dotado con 30.000 euros.

Precisamente a finais de setembro Feliz idade recibiu outro premio, neste caso, o da Crítica na súa modalidade de poesía galega. Ademais, tamén foi elixido o mellor libro de poesía do ano na Gala do Libro Galego. Co gallo desta última distinción, a escritora explicou a La Voz que o poemario enmárcase entre dúas circunstancias biográficas, a chegada da súa filla e o ocaso do pai. «Na base de todo o libro está a confluencia destas dúas experiencias e o título da obra fai referencia á felicidade como experiencia. O cruzamento de dúas vidas, a da que nena que nace, os seus primeiros anos de vida e o encontro co seu avó, que xa está enfermo. Hai un momento das súas vidas no que poden gozar un do outro, incluso, mediante o xogo. O meu pai sufriu a enfermidade de alzhéimer e nesa regresión, digamos, tivo momentos de volver a ser un neno e de xogar», describiu a escritora. 

Olga Novo (Vilarmao, Pobra do Brollón, 1975) é unha autora cunha longa e recoñecida traxectoria. O seu primeiro poemario, A teta sobre o sol, publicouse en 1996. Seguiron títulos como Nós nus, A cousa vermella e Cráter. Na súa produción escrita tamén figuran ensaios como os dedicados a Claudio Rodríguez Fer e Uxío Novoneyra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2020 por «Feliz idade»