Cruzar o limiar, volver ás librerías

Malores Villanueva
malores villanueva O RETROVISOR

FUGAS

29 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Mediaba o mes de abril de 1951 cando a Editorial Galaxia publicou os dous primeiros volumes cos que saía ao mercado. Daquela as librerías estaban abertas, pero a ditadura pecháralles as portas ás linguas propias diferentes do castelán. A censura previa, a persecución do galeguismo ou a destrución do tecido cultural e político anterior a 1936 obrigaban a unha marxinación forzosa, a transitar con tento polo «túnel estreito da clandestinidade» porque en xogo estaba a vida. Con todo, sempre se poden abrir fendas ata na pedra máis dura e iso debeu pensar aquel grupo de homes e mulleres que un ano antes constituíran a Editorial Galaxia na simbólica data do 25 de xullo. En si, iso xa foi todo un fito, pero ía selo moito máis publicar en galego, vender eses libros e convencer as librerías para que lles fixesen un oco nos seus andeis, a sabendas do que iso comprometía. Porén, as máis de duascentas accións desembolsadas e as preto de cincocentas subscricións do primeiro ano daban alento ao proxecto e aquel abril de 1951 deron ao prelo 2.800 exemplares da Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, e 1.200 do primeiro número dos Cadernos Grial, Presencia de Galicia. Quizais poida parecer unha empresa modesta, pero o certo é que hoxe poucas obras en galego acadan estas tiraxes.

Naquela primavera de hai case setenta anos, imaxino a Francisco Fernández del Riego, un dos fundadores da editorial, entrar nalgunha librería viguesa cun puro nunha man e noutra uns poucos libros amarrados cun cordeliño. Imaxínoo porque llo escoitei en varias ocasións ao fío do relato daqueles primeiros anos, en que se conformaba só con deixar algúns exemplares en depósito e despois confiar en que desatasen o cordel e os puxesen á vista do público. Nin que dicir ten que non aspiraba a que colocasen a Antífona nun lugar destacado, iso levaría máis tempo, pero a mesma teimosía. Aquel señor que se achegaba ás librerías viguesas co seu atado sabía ben o que eran a censura, a extorsión ou ser depurado do seu cargo como profesor universitario polas súas ideas nacionalistas, pero a ditadura non fora quen de mudar a súa ideoloxía. Por iso cruzaba os limiares das librerías con convicción e firmeza, quizais esa determinación facía que as máis das veces conseguise deixar os libros á venda, aínda que tamén noutras moitas volvía a recollelos porque non se vendían.

Aqueles primeiros exemplares, a Antífona da cantiga e a Presencia de Galicia, que custaban 25 e 15 pesetas, respectivamente, supuxeron a volta, de maneira continuada, do galego ás librerías de toda Galicia e non só, pois axiña conseguiron puntos de venda en Madrid, Barcelona ou Bilbao. Así, na capital do estado era Ben-Cho-Shey, Xosé Ramón Fernández-Oxea, quen distribuía os libros coa axuda de Fernández de la Vega, e en Buenos Aires puxéronse á fronte da librería e distribuidora Follas Novas Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda. Como ten relatado o autor de Memorias dun neno labrego, foi Fernández del Riego quen o alentou a dar ese paso que tanto contribuíu ao labor de Galaxia en América.

Foi así como conseguiron que os libros que editaban estivesen nos andeis, nos escaparates e nas casas dos galegos e das galegas que cruzaban o limiar das librerías porque querían -queren- ler en galego.