Monólogo, debuxo e guión... Así é a comedia co selo Digón

TEXTO: IAGO GARCÍA

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

Manexa o humor costumista que tanto gusta en Galicia. E é quen de facer rir tamén en Madrid. Pasou de ser funcionario a autónomo. Agora vive das risas

05 ene 2018 . Actualizado a las 05:20 h.

Estamos ante un cómico de altura. Quizais por iso segue xogando partidos de baloncesto cos seus amigos do bacharelato en Becerreá (Lugo). Nado nos Ancares (San Román de Cervantes, 1979) e medrado na costa coruñesa, a Oswaldo Digón recoñecémolo polas súas aparicións no Luar ou polo seu traballo como guionista en Tourilandia. Desta volta, volve coincidir co seu compañeiro, ademais de cómico, Xosé Antonio Touriñán. «Con Touri eu son o primeiro en rir», confesa Digón. Os dous comparten espazo, con cadanseu monólogo e algunha que outra sorpresa conxunta no espectáculo Noites de retranca.

-Sendo un espectáculo de humor en Galicia, tiñades que especificar que tiña retranca?

-Por suposto. Vai implícita na idiosincrasia galega. É algo do que presumir sempre. Sinónimo de comedia, pero da «nosa» comedia. Aquela que á ironía suma ese rirnos de nós mesmos. A dobre intención coa que dicimos as cousas. Algo marabilloso.

-O teu espectáculo Gente triste xa vai pola segunda temporada en Madrid e Barcelona, as actuacións en Galicia coas entradas esgotadas, monólogos na televisión... Isto é darwinismo cómico?

-Fago monólogo anglosaxón clásico por unha banda e na miña función teño un fío condutor que me gusta máis. Hai que adaptarse. Podo falar mesmo da soidade ou da tristeza, pero sempre a través da comedia porque non sei facelo doutro xeito.

-A improvisación con formatos coma Ilustres Ignorantes, Nadie Sabe Nada ou La Vida Moderna pon en risco aos contadores de historias?

-É outra cara da moeda do humor. A comedia é unha arte viva. Se os tempos hoxe son de cambio e incertidumes, ten sentido que a improvisación gañe terreo.

-Tendo praza de funcionario no concello de Sada acabas sendo humorista...

-E autónomo, con todo o que iso conleva! (risas). Tíñao claro. Non foi un cambio por valentía. Tomei a decisión hai unha década só porque o necesitaba.

-Sendo da montaña lucense e tendo vivido na costa atlántica seguro que hai tempo que non tes un arrefriado.

-(Risas) Estou inmunizado, é certo. Curtido fronte ao frío e preparado para o vento. Pero sempre levo bufanda e Lizipaína. A voz é unha ferramenta de traballo fundamental para un cómico.

-De que se ri un cómico?

-Se o pensas, a vida ten moita comicidade. O humor é unha actitude e se te rodeas de xente que a teña... Eu teño a sorte de poder rir moi a miúdo.