Xurxo Souto: «En Malpica está a verdade do rock»

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

Din que só se xuntan para efemérides. Pero xa van unhas cantas desde aquela mítica celebración do seu 20.º aniversario. Neste caso hai vencellos emocionais, case sentimentais. E un compromiso cunha terra, cunhas xentes, cunha memoria compartida e cun concepto de festival que o Nordestazo tan ben representa

29 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Basta con nomear Malpica para que Xurxo Souto bote por fóra. Da súa atlántica memoria brotan a gallaróns ducias de nomes de lugares, de barcos, de tabernas, de xentes... «E agora os nenos de entón fan este festival. ¿Como non iamos ir?».

-Pois iso, que xa me aforra a pregunta...

-Hai 20 anos coñecimos en Malpica aquela agrupación de mariñeiros jevis que se chamaba A Tralla. E foi moi intenso. De feito, con algún deles gravamos un par de cancións. Daquela en case ningún sitio de Galicia había cultura de rock and roll e en Malpica o rock era a música tradicional. Esa verdade profunda que esixía o rock and roll só a atopabas no centro do océano, ou sexa, alí.

-Como planean Os Diplomáticos un concerto así?

-Como unha celebración. O grupo xa non segue unha dinámica de xiras. Só nos xuntamos para grandes eventos.

-Teño a sensación de que dende o treito final do bravú non se vivía un momento tan efervescente no rock galego como o actual. Comparte esa impresión?

-Nos anos do bravú partíamos dunha situación moi complicada na que históricos gurús dicían que o galego non servía para o rock. Ata que apareceron Os Resentidos. E despois chegamos nós. Pero, claro, sempre estabamos tocando na trincheira. Nunca había medios. Era todo a base de demencia. Qué pasou? Que os nenos de entón medraron e agora ofrécennos festivais como o Nordestazo ou Revenidas, coas mellores infraestructuras. E que ademais en vez de estar nunha especie de páramo agardando que chegue a noite están pasando cousas durante todo o día. Antes de que empecen os concertos xa aconteceron 15.000 historias. E iso e marabilloso, sobre todo para a xente que vén de fóra, que alucina con este modelo galego de festival.

-O pasado venres, nestas mesmas páxinas, o cantante de La Pegatina recoñecía a Os Diplomáticos como unha das súas principais referencias musicais.

-É certo que a nós por Galicia adiante íanos moi ben. Pero cando realmente acadábamos o triunfo pleno era cando íamos a Madrid, a Barcelona, a Euskal Herria... Por qué? Porque nós sabíamos o que pasaba por alí pero eles non sabían nada da intensidade e a vehemencia deste lugar.

-O bravú tivo referentes culturais como vostede ou Antón Reixa. Non os bota en falta agora?

-No, eu non creo que falten. O único que falta é visibilidade. Nós tivemos a sorte de que andabamos polas trincheiras e de repente apareceu a televisión pública que fixo algo tan elemental como gravar unha serie de videoclips en galego. E iso foi un bum xeracional. Hai unha xeración de rapaces galegos que levan o rock no seu ADN grazas ao Xabarín. Eu coido que hoxe o talento e a capacidade de imaxinación desta selva diversa que é a música galega contemporánea é brutal. Eu quedo coa boca aberta con grupos como Terbutalina ou Familia Caamagno, que tocan moito mellor que nós e que teñen moitas máis propostas. Qué é o único que falta? Que haxa medios de comunicación que digan «a por todas». Especialmente os medios públicos, que foron creados para difundir a cultura galega. E hai unha cultura galega cargada de futuro que é o rock and roll.

MAPLICA. Sábado 30. 19,90 euros en compra anticipada y 22 euros na billeteira. Con Heredeiros da Crus, Marky Ramone’s Blitzkrieg, Os Diplomáticos, Bastards, Agoraphobia, True Mountains e The Phantom Dragsters