Explorando as miniaturas de Apollinaire

FUGAS

OS ÚLTIMOS ENSAIOS. A formación Pablo Seoane TREM que traballa no proxecto «Bestiario traído» está integrada polo pianista ferrolán Pablo Seoane, a soprano ourensá Carmen Gurriarán, o contrabaixista cubano afincado en Compostela José Manuel Díaz e o zanfonista galego Óscar Fernández. A imaxe tomouse nun dos últimos ensaios -antes da estrea do domingo- nas dependencias do estudio A Ponte, en Roxos (Santiago)
OS ÚLTIMOS ENSAIOS. A formación Pablo Seoane TREM que traballa no proxecto «Bestiario traído» está integrada polo pianista ferrolán Pablo Seoane, a soprano ourensá Carmen Gurriarán, o contrabaixista cubano afincado en Compostela José Manuel Díaz e o zanfonista galego Óscar Fernández. A imaxe tomouse nun dos últimos ensaios -antes da estrea do domingo- nas dependencias do estudio A Ponte, en Roxos (Santiago) Sandra Alonso

O pianista Pablo Seoane mestura os universos do poeta Apollinaire, o músico Poulenc e o pintor Dufy para reelaborar as partituras que Poulenc escribiu sobre «O bestiario» de Apollinaire. A mirada plástica de Dufy -que desbordaba os límites das figuras coa cor- non é allea ao alento de atonalidade e improvisación que move o traballo de Seoane. A obra estréase o 18 de outubro

16 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

As inquedanzas do artista ferrolán Pablo Seoane (1968) non teñen cancelas. O mesmo anda metido en asuntos de filosofía que na tradución de poesía, en montaxes teatrais, en proxectos culturais lusófonos, na docencia ou indagando no pensamento radical de Thoreau, Valente, H.L. Mencken ou Teresa de Ávila. Pero, iso si, sobre todo é músico. Mantén un trío estable de jazz co contrabaixista José Manuel Díaz e o baterista LAR Legido, co que firmou o seu último álbum, Inópia, no 2014, o que non lle impide ter outros frontes abertos do espectro máis amplo imaxinable.

Ese espectro está relacionado coas súas inclinacións como pianista pola improvisación, que o levan á música clásica e os sons contemporáneos máis pegados á atonalidade. Para todo iso garda unha baza que el chama TREM (nun xogo que toma do brasileiro os significados tren e cousa, chisme, trebello), un verdadeiro caixón de xastre no que xa meteu os textos do poeta ceense Estevo Creus ou o universo de San Francisco de Asís. Como advirte Seoane, o que lle interesa é non tanto unha cuestión de xéneros musicais como a actitude ante a música, e quen di ante a música di ante o mundo.

Nesa postulación vital ben poden toparse as raíces da súa nova empresa: Bestiario traído, un espectáculo musical e visual que reinterpreta libremente O bestiario do poeta galo Guillaume Apollinaire (1880-1918) na adaptación que fixo o compositor e pianista francés Francis Poulenc (1899-1963) e sen deixar de mirar as ilustracións que gravou sobre madeira para o poemario o pintor tamén francés Raoul Dufy (1877-1953). Tras os tres fantasmas viaxa Pablo Seoane no TREM, convoi que desta volta incorpora á soprano Carmen Gurriarán, o contrabaixista José Manuel Díaz e o zanfonista Óscar Fernández, ademais de Iván Barreiro e David Silva nas achegas visuais. A imaxinación de todos eles estará o domingo sobre as táboas do compostelán teatro Principal na estrea dunha obra na que Seoane conxuga sen violencias tradución e traizón (el mesmo recorda a acepción que traído mostra no portugués), e que o pianista remata coa publicación no selo Positivas da súa versión en galego (acompañada do orixinal de Apollinaire) de O bestiario ou o cortexo de Orfeo, libro que incorpora ademais os gravados de Dufy e que será presentado tamén o día do concerto.

A anomalía do bestiario (formado por 26 bichos e 4 orfeos), di Seoane, é o tamaño das pezas, «verdadeiras miniaturas, pildorillas de expresividade moi acendrada, moi potente, pequeniñas pero perfectas, e que abren moitas posibilidades». Poulenc elixiu media ducia de bichos e en 1919 adaptou estes poemas para piano e voz -despois escribiu uns arranxos para ensemble de ventos-. Sobre esas partituras traballou Seoane, que desmontou os seis minutos de música de Poulenc para concibir un espectáculo de preto dunha hora e sustentado en tres patas: a base das cancións orixinais na que respecta o espírito melódico, uns desenrolos atonais como pontes entre cada peza (exploracións tímbricas máis que harmónicas) e a improvisación. Para pechar o círculo Apollinaire-Poulenc-Dufy, Barreiro e Silva prepararon unhas proxeccións que reforzan a mensaxe priorizando cores e texturas.

¿Como fundamenta Seoane esta comuñón a tres? Cando profundou máis alá da imaxe de Apollinaire como revolucionario -o escritor de orixe xudeopolaca inventou o termo surrealismo-, topou unha idea radical e sedutora, o poeta que trata de desfacerse da linguaxe, un devorador que todo deglute pero que deseguido regurxita. Na trincheira, na Gran Guerra, anota nos seus diarios: hai que tratar de desfacerse dos obstáculos da poesía, e sobre todo da linguaxe (en beneficio da musicalidade e as artes plásticas). Nunha trincheira do outro bando, Wittgenstein anota: a linguaxe común dificulta o pensamento (en beneficio da linguaxe lóxica).

Apollinaire envexa aos músicos, busca unha escritura puramente musical. Tras el, no imaxinario de Seoane, aparecería o melodista Poulenc -pese a súa formación e os seus coñecementos, rexeitou a dodecafonía-, o músico que adora a voz humana, recollendo os detritos do vate. Poulenc dicía que as telas de Dufy definían a súa música, o seu lado golfo, o vitalismo da súa obra, a felicidade. Iso semella buscar o pianista ferrolán.

Bestiario traído. Pablo Seoane TREM. Santiago. Teatro Principal. 18 de outubro. 20 horas. Entrada gratuíta (previa retirada en taquilla da invitación)