Afeccionados ao sendeirismo divulgan unha peculiar paraxe da serra
10 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A chamada Fonte Branca do Fedo é un manancial de augas medicinais que foi en tempos moi coñecido entre os veciños do Courel, sobre todo os de Ferreirós de Arriba e Ferreirós de Abaixo. O lugar, porén, deixou de ser frecuentado hai arredor de corenta anos e hoxe son poucos os que recordan a súa ubicación. Un pequeno grupo de afeccionados ao sendeirismo -entre eles, o biólogo monfortino Guillermo Díaz e o portavoz do grupo ecoloxista SOS Courel, Orlando Gregorio Álvarez- visitou esta paraxe a pasada fin de semana para reivindicar a súa recuperación como recurso turístico. Para facilitar as visitas, elaboraron un track da ruta -mapa trazado mediante coordenadas GPS- que xa está accesible no portal dixital Wikiloc.
Para chegar á fonte hai dúas alternativas. O camiño máis tradicional é unha pista que leva desde Ferreirós de Abaixo ata o lugar coñecido como Cruz do Fedo. A certa altura, desta pista arranca a man dereita un desvío que conduce ao manancial. Por este camiño, o traxecto é de cerca de catro quilómetros. Pero os visitantes optaron por seguir unha vía alternativa, que consiste en remontar o curso do arroio de Penaboa. Este outro traxecto é considerablemente máis curto -de en torno a dous quilómetros-, aínda que ascensión resulta moito máis traballosa. «O camiño normal ten moitas voltas e polo arroio chégase antes, aínda que só é praticable cando non leva moita auga», explica Díaz Aira. «A subida pola beira do río é máis ardua pero tamén máis atractiva que polo camiño porque nesa zona hai moita vexetación de todo tipo», engade.
A ascensión polo arroio, por outro lado, vese facilitada polas ruínas de varias regadeiras, ou sexa, canles que conducían ata o arroio a auga procedente dos prados dos arredores. Algunhas destas canles conservan unhas pequenas comportas construidas con pranchas de lousa para regular o fluxo de auga.
A paraxe onde se encontra a Fonte Branca ofrece un especial atractivo paisaxístico. A auga do manancial cae por unha parede rochosa dun modo similar ao da máis coñecida Fonte do Cervo, no bosque da Devesa da Rogueira. A pedra presenta unha rechamante coloración, debida ao contido calizo da auga, que sen dúbida deu o nome a este lugar. Polo mesmo desnivel cae tamén a auga do arroio de Penaboa ou Ferreirós, que ten o seu nacemento nesta zona.