Di que actualmente «hai mecanismos para que ninguén quede sen casa»
31 mar 2013 . Actualizado a las 11:47 h.José Manuel Pena é, dende maio do ano pasado, un dos fundadores da plataforma barbancesa de Stop Desahucios. Xunto a el traballan outras trinta persoas de distintas disciplinas. Di que están desbordados. E non fai falta que o explique moito. Mentres fai a entrevista, chama un membro do colectivo para ver como arranxan o problema dunha moza que precisa alimentos. «É que o noso son os desafiuzamentos, pero en realidade estamos converténdonos en oenegué, non lle podes negar a axuda a ninguén», explica.
-¿Como decide fundar a réplica barbancesa de Stop Desahucios?
-Pois estaba coa miña familia vendo a televisión e saíu o caso de Rosa Collazo, unha muller de Rianxo que ía ser desafiuzada, e entón pensei que non podía estar quieto, que Barbanza non era un sitio idílico e que había que facer algo. Chamei a algúns amigos e puxémonos en marcha. Así de sinxelo. Temos a obriga de defender ás familias ante o poder dos bancos.
-¿E que veu despois, como se traballa para evitar algo tan dramático como que alguén vaia perder unha vivenda?
-O primeiro que fixemos foi darnos a coñecer nos medios de comunicación, para que a xente puidera chegar a nós. E despois tivemos reunións cos alcaldes para que nos axudaran cos casos que foran xurdindo. E a resposta foi bastante boa, estamos colaborando moito. A partir de aí foi empezar a recibir casos, negociar coas entidades bancarias e paralizar os desafiuzamentos que ían xurdindo.
-Entón, cando unha familia recorre á plataforma, ¿o que lle ofrecen é negociar por ela coa entidade bancaria?
-O primeiro que facemos, antes de nada, é darlles apoio psicolóxico. Hai que pensar que as familias que chegan a nós veñen coa moral moi baixa, moi feitos po. Ás veces nin o seu núcleo máis próximo sabe o drama que están vivindo. Así que o primeiro é convencelos de que poden empezar a durmir tranquilos, que nos poñemos a mirar o seu tema. Convencelos de que actualmente hai os suficientes mecanismos como para que ninguén quede sen casa. E despois si que se mira se hai que negociar coa entidade, acudir ao xulgado, etcétera.
-Fundaron a plataforma en maio e levan atendidas a 60 familias. É unha cifra grande pero, aínda así, ¿cre que hai máis casos de persoas ameazadas por desafiuzamentos na comarca barbancesa?
-Estamos convencidos de que si, de que hai máis do dobre. E que algunhas non acoden a nós ata que se ven moi apuradas. O drama que viven dura anos ás veces. Hai casos moi distintos. Antes de que alguén quede sen casa pásase por un proceso no que o banco directamente acosa a quen ten unha débeda con el. Non entenden que a xente non é que non queira pagar, é que non pode facelo.
-Está ben que diga iso, porque tamén hai quen pensa que moita da xente desafiuzada, en realidade, vivía por riba das súas posibilidades e por iso agora ten problemas...
-Estamos fartos dese argumento. Hai casos de todo tipo, pero a xente que perde a vivenda é xente que non pode pagar, que está afogada. Temos familias que pasaron de gañar 4.000 euros ao mes a ter unicamente 400 euros para subsistir. Outros que chegaron ao impago da hipoteca pola enfermidade de alguén... Hai moitos dramas. E o máis importante é que isto lle pode pasar a calquera, ninguén está libre.
-É dicir, que ás veces quen recorre a Stop Desahucios non soamente ten problemas coa vivenda...
-Non. Como dicía antes estámonos convertendo en oenegué porque ven xente que ademais de poder perder a casa non ten nin para comer. Estamos colaborando con entidades como a Cruz Vermella, Eloraj ou Cáritas. E tamén cos concellos. Mantemos contacto permanente cos servizos sociais.
-¿E están contentos cos resultados obtidos?
-Estase traballando ben, queda moito por facer, de feito, estamos desbordados. Pero a verdade é que estamos atopando boa colaboración e se lle está dando tranquilidade a moitas persoas. Paralizamos xa moitos desafiuzamentos. A ninguén que acudiu a nós lle quitaron a vivenda e iso hai que dicilo, para que a xente saiba que estamos aí. Aquí chegan casos moi sangrantes. O outro día veu unha nai que non tiña para facerlle un bocadillo ao rapaz. Cando ves iso non podes mirar para outro lado. Como dicía Willy Brandt, ?se permites unha inxustiza abres a porta a todas as que veñen despois?.