«A nivel profesional, chegar ao fútbol de elite é o máximo»

MANUEL DIESTE RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

SIMÓN BALVÍS

Trala volta da convulsa etapa que viviu en Arabia, o ribeirense non pecha portas

04 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Iago Iglesias Estepa (Palmeira, 1982) trocou o chuvioso clima galego polas áridas terras de Arabia Saudita. En agosto do ano pasado fichou polo Al-Ittihad, alí foi o recuperador físico do que viría a ser o Real Madrid de Arabia, xa que o equipo conta no seu palmarés dúas champions league asiáticas. Volveu hai pouco máis dun mes e non se arrepinte da experiencia deportiva que viviu, aínda que as outras vivencias son unha historia ben distinta.

-¿Como se lle ocorreu a idea de ir a Arabia a adestrar?

-Foi a oferta que houbo, se houbera outras doutros países tamén se valorarían. Se fose agora cambiarían moito as cousas porque se aprende dos erros; o que nos contaron aquí non foi a realidade do que aconteceu alí. Era unha oportunidade que levaba esperando moito tempo, formándome para estar no mundo profesional, e cando me chamaron non o pensei moito, ademais non tiven moito tempo para dar a resposta, só 24 horas.

-¿Era moi atractivo o proxecto que lle presentaron?

-Si, xa de boas a primeiras era unha experiencia laboral nova, e aparte, ao ser fútbol profesional, tiña o caramelo da disputa dunha champions asiática.

-¿Cal era o seu traballo?

-Consistía en ter baixo control a parcela física, tamén o traballo con xogadores mancados e a posta a punto de futbolistas cos que o adestrador non contaba moito e que precisaban unha preparación especial para poñerse a punto fisicamente.

-¿Como catalogaría a experiencia?

-No deportivo, a experiencia foi moi boa, non polo traballo, que non é moi diferente ao que se desempeña en equipos non profesionais, pero si a nivel de vivencias como pode ser estar nun vestiario que disputa unha semifinal da liga asiática ou viaxar co equipo e sentirte importante porque a xente pídeche autógrafos e fotos. En canto ao extradeportivo, todo o problema vivido ao non poder saír do país, sinto un pouco de desilusión porque un club desa magnitude non pode ter esa cara nin tampouco esa cruz tan negativa.

-¿Que diferenzas atopou co fútbol europeo?

-O asiático é menos competitivo que o fútbol profesional europeo, quizais sexa porque teñen unha regulamentación especial, só teñen tres estranxeiros por equipo, o resto son árabes. Pero a realidade é que na liga asiática deixamos polo camiño a equipos tan fortes coma o Guangzhou que adestraba o italiano Marcelo Lippi. O fútbol árabe caracterízase por ser de menor intensidade que o español.

-A experiencia volveuse amarga porque o club non cumpriu co que prometeu, ¿non?

-Cando me explican as condicións fálanme dunha serie de cousas, como unha vivenda, pero cando chegamos, estivemos cinco meses nun hotel, e a partir da segunda semana empezaron a dicirnos que o club non pagaba e tiñamos que deixar a habitación. Esta situación repetiuse durante cinco meses sen solución. Tamén nos dixeran que ao chegar alí iamos asinar un contrato, cousa que non foi real ata uns días antes de volver. No tema económico, de cinco meses, pagaron un, pero a gota que encheu o vaso foi que dous días antes de vir nos comunicaron que non podiamos saír do país porque estabamos ilegais. Nese momento decidimos que xa non aguantábamos máis, e grazas a que asinamos o contrato tres días antes, puidemos saír e cobrar o que nos debían. Pasamos cinco días sós, nos que o resto do corpo técnico xa viñera para España a pasar o fin de ano, e nós esperando a que nos solucionaran o papelexo para poder volver á casa. Tardaron cinco largos días, e nese período de tempo estivemos recluídos no hotel. Xa non sabiamos que pensar, estabamos nun país islámico ilegalmente, co que iso conlevaba. Hai que dicir que nese tempo ninguén do club se puxo en contacto connosco. Ao quinto día puidemos saír do país.

-¿Por que aguantastes tanto tempo?

-A nivel profesional estás xogando unha champions, vas pasando eliminatorias e queres chegar á final. Cando te das conta estás nas semifinais, e cando quedamos fóra estabamos a escaso mes e medio de vir unha semana de vacacións. A nivel profesional, chegar ao fútbol de elite é o máximo, salvo unha Eurocopa o un Mundial.

-Como vostede ben sabe, en árabe a palabra javivi significa amigo, ¿deixou moitos alá?

-Si, tanto xogadores, que hai que dicir que nos axudaron moito e gabaron o noso traballo, como outros técnicos do club de diversas nacionalidades (croatas, exipcios ou portugueses).

-Despois desta experiencia, ¿valoraría coller de novo as maletas?

-Si, de feito estoume preparando por se sae outra oferta para fóra, e a experiencia vivida permitirame non cometer os mesmos erros en cuestións administrativas, de contratos e de condicións de traballo.

Iago Iglesias Preparador físico