«Non entendo que apenas haxa candidatos para dirixir o Liceo»

Javier Romero Doniz
JAVIER ROMERO NOIA / LA VOZ

FIRMAS

SIMÓN BALVÍS

A carreira para suceder a Moas, que leva 26 anos á fronte da entidade noiesa, xa empezou, pero por agora escasean os relevos

02 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O 31 de xaneiro cumprirá 26 anos na presidencia da Sociedade Liceo. Case un terzo da vida desta entidade que hoxe rolda os tres mil socios. Cando José Moas (Noia, 1938) chegou non alcanzaba o milleiro de persoas. A evolución da entidade foi da man coa experimentada polo país neste tempo, deixando atrás un lastre antigo que prohibía, entre outras cousas, que as mulleres fosen socias. Agora toca máis cambio. Moas cede a cadeira para dicir adeus. Agradece moitas cousas, pero sobre todo acórdase dos seus compañeiros na directiva durante o último cuarto de século. Por agora, o nome da persoa que podería sucederlle aínda está por decidir.

-Coméntase que está a buscar relevos pero non os encontra...

-Efectivamente, só houbo un socio, Alejandro Bralo, que se entrevistou comigo para coñecer a situación da Sociedade Liceo. Eu tamén lle preguntei polas ideas que aplicaría, que visión ten... e quedei moi satisfeito coas propostas. Tamén me adiantou algúns nomes do equipo que o acompañarían na candidatura á presidencia. Iso é o único que hai pero non foi nada formal. Simplemente interesouse.

-¿Tanto sacrificio implica a presidencia que escorrenta posibles candidatos?

-Non entendo que apenas haxa candidatos para dirixir o Liceo de Noia.

-Pero vostede xa anunciou hai xusto un ano que se achegaba o cambio...

-Si, si, xa anunciei o cambio. E nas festas de Noia volvín dicir que non repetía máis.

-¿Ten boa saúde económica a entidade?

-Adquirimos os terreos de Ceilán e fixemos a primeira renovación cando entramos. Logo, coa segunda obra que se fixo no 2005, solicitamos de Caixa Galicia un préstamo hipotecario de 630.000 euros que nos foi concedido a 22 anos. É dicir, que se cancelará no 2027. A día de hoxe, o saldo do préstamo é de 495.000 euros e coas cotas mensuais, dadas as moitas que hai, é perfectamente asumible polo presuposto da sociedade. Non resulta unha angustia, hai outros gastos moito máis superiores a este.

-¿Cal é o patrimonio do Liceo?

-O edificio da Alameda e os terreos deportivos de Ceilán coas pistas deportivas e asadores.

-A masa social con vostedes triplicouse...

-Somos moitos, xa que a cada socio hai que sumarlle a parella ou os fillos, se os ten. Cando entramos había sobre 800 e propuxemos un aumento da cota para facer a primeira reforma. A sociedade estaba nunha situación moi mala. Chovía no salón. Ao facer iso, déronse de baixa uns 200 e quedamos menos aínda. Pero coas obras feitas empezamos a aumentar a sociedade.

-Cambiemos a realidade. Imaxinemos que é vostede o que chega agora e colle as rendas. ¿Que camiño seguiría?

-Nos tempos actuais, e despois do esforzo que se fixo tanto tempo, creo e estimo que consolidar esta segunda renovación e a situación actual tal e como está deseñada. Tamén habería que potenciar o máximo posible todas as instalacións e levar a cabo algo que nós non puidemos facer, que é instalar os peiraos para embarcacións de recreo de tipo pequeno en Ceilán. A nosa ideo era facer un equipo de remo.

-¿E que pasou?

-Un dos problemas foi conseguir os permisos de Costas do Estado. Outro foi co anterior alcalde de Outes, xa que Ceilán pertence a ese concello, co que tivemos certas dificultades... Ademais, coa nova Lei de Costas pedíannos cousas que eran inviables para esa zona. Queriamos que os peiraos fosen gratis para os socios cunha pequena cota, pero os números non cadraban e disparábanse coma se fose un porto como o de Portosín. Era inviable.

-E de xente nova, ¿ten o Liceo garantido o relevo xeracional na súa masa social?

-Aínda que pareza raro, hai moita xente nova que é socia do Liceo e acode ás instalacións e participa en actividades como o taekuondo, tenis de mesa, baile galego ou clásico... O que máis me sorprende é que hai xente de 30 anos que acode en masa ao Liceo todo o ano para gozar das instalacións.

José Moas Pazos PRESIDENTE DA SOCIEDADE LICEO DE NOIA

«Habería que potenciar o máximo posible todas as instalacións»

«Hai xente de 30 anos que acode ao Liceo todo o ano para gozar das instalacións»