En 1912 remataron as obras da casa do concello e casaron Castelao e Virxinia Pereira
26 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O significado da palabra centenarios que encabeza este artigo fai referencia a eventos históricos que aconteceron neste noso concello e vila de A Estrada en 1912. O seu recordo serviranos para rescatar a memoria de feitos singulares nos eidos da política, da sociedade e da cultura que neste ano 2012 cumpren un século da súa execución. Se na historia de España atopamos un importante bicentenario, a promulgación polas Cortes de Cádiz da primeira Constitución nacional coñecida como A Pepa pola súa publicación o 19 de marzo de 1812, na historia local atopamos ata seis novas notables, merecedoras do cualificativo de «centenarios».
Como o remate das obras do concello. Segundo testemuña a inscrición que figura na fachada posterior do edificio, as obras, deseñadas polo arquitecto Franco Montes, remataron no ano 1912. Probablemente se trate, non obstante, da finalización das obras da estrutura de cantería, dado que o edificio non foi entregado ata 1916, sendo alcalde Ramiro Ulloa Villar.
Título de «Excelencia»
Foi tamén en 1912 cando se concedeu o título de «Excelencia» ao Concello. Sendo alcalde Jesús Durán Taboada, nas oficinas do consistorio, daquela nos altos do edificio da cárcere do Partido, recíbese o seguinte decreto do Ministerio da Gobernación: «Queriendo dar una prueba de mi real aprecio a la Villa de La Estrada, vengo en concederle a su Ayuntamiento el tratamiento de Excelencia». Dado en Palacio a 16 de abril de 1912.- Alfonso.- El Ministro de la Gobernación, Antonio Barroso y Castillo.
E no ámbito relixioso, o 12 de abril de 1912 é nomeado párroco de San Paio de A Estrada e San Lourenzo de Ouzande o crego don Nicolás Mato Varela, doutor en Sagrada Teoloxía e capelán de honra da Súa Maxestade. Natural de Coristanco (A Coruña), dunha familia de cregos, toma posesión o día 27 de agosto dese ano. Procede da parroquia de San Pedro da Serra de Outes. No arco central dese templo perdura a mención da súa tarefa alí: «Se restauró a expensas de los fieles siendo párroco don Nicolás Mato Varela, doctor en Teología y capellán de honor de S. M. Ano 1906».
Na nosa vila o seu labor céntrase con éxito en distintas direccións. Traballa arreo co fin de rematar a actual igrexa parroquial, que se abre finalmente ao culto no ano 1935. Membro fundador do colexio subvencionado de Segunda Ensinanza «Inmaculada Concepción», procura becas de estudo para a xuventude estradense, financiadas polo Concello. Na Guerra Civil destaca o seu labor a prol da liberdade dos obreiros obxecto de represalias dos fascistas. No ano 1950 celebra as vodas de ouro e a corporación municipal presidida por Manuel Campos Paseiro outórgalle a primeira Medalla de Ouro do Excelentísimo Concello de A Estrada. Cando se cumprían cincuenta anos da súa fructífera labor, morre o 21 de xaneiro de 1962.
Unha voda para a historia
E foi poucos meses despois da súa chegada á vila cando casaron Castelao e Virxinia Pereira. Co número 11 do primeiro libro de casamentos da parroquia de San Paio atopamos, coa mesma caligrafía da sinatura do crego Antonio Rey Soto, a seguinte inscrición: «En la iglesia parroquial de S. Pelayo de La Estrada a 19 de Obtubre (sic) de 1912, yo, D. Antonio Rey Soto, presbítero con licencia expresa de D. Nicolás Mato Varela, cura párroco de la misma, previos todos los requisitos legales, asistí al matrimonio que por palabras de presente y mutuos consentimientos contrajeron de una parte Dn. Alfonso Rodríguez Castelao, soltero, hijo legítimo de Dn. Mariano y Doña Joaquina, natural de Sta. Columba de Rianjo, y de la otra Dña. Virginia Pereira Renda, también soltera e hija legítima de don Camilo y doña Peregrina, natural de esta villa.
Fueron testigos don Isidoro de Yáñez y Sáenz y don Ildefonso Meruendano Pérez, vecinos de Orense. Para que conste lo firmo en La Estrada a 19 de Obtubre de 1912», e seguen as firmas lexibles de Nicolás Mato Varela e Antonio Rey Soto.