Agapito Mendoza é uno dos fareiros encargados de que funcione o faro de Fisterra, a emblemática lámpada da fin do mundo
28 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Coma el quedan poucos en España, e cada día menos. Pero ningún traballando nun lugar tan emblemático como o que el ocupa. Agapito Mendoza Martínez (Fisterra, 1952) é fareiro, torreiro, como el prefire chamar á profesión, no faro da fin do mundo, en Fisterra, aínda que el escolle o topónimo Finisterre que, di, ten moito máis gancho internacional.
-Din por aí que a súa profesión é un choio, que só hai que darlle a un interruptor para acender unha lámpada.
-¡Para nada! O faro acéndese automaticamente, o noso cometido é o mantemento de sinais, pero non só a luz -conta mentres fai de guía por un faro que se acendeu por vez primeira en 1853 e mantén intacta a súa estrutura-, é tamén o faro de Touriñán, e a baliza do Carromeiro, e o DGPS (un sistema que reenvía o sinal aos GPS), o AIS (outro sistema por satélite para localización e comunicación de barcos) e a radio.
-¿Como se leva iso de ser un dos últimos de Filipinas?
-A miña profesión, o corpo de faros, hai anos que está oficialmente a extinguir. En 1981 eramos en España 340, hoxe se quedamos a metade xa somos moitos. Na provincia da Coruña só traballamos oito. Candos nos xubilen, o traballo farao unha empresa.
-Agora vive entre satélites. ¿Como ían os faros nos seus inicios?
-Agora todo está computerizado, pero cando eu fun a Sálvora, acendíamos o faro a man, cun misto. Era o ano 1979 e funcionaba con petróleo, como un cámping gas. Daquela estabas máis entretido, había máis que facer. Hoxe é distinto. Recibimos cursos de sinais marítimas para estar ao día.
-¿Non se sente un orgullo especial por ser o fareiro na fin do mundo?
-Todos os faros son importantes, cumpren cunha función, sinalizan unha zona de perigo para a navegación.
-E hoxe, no mundo do GPS, ¿aínda hai quen mira a luz?
-Todas as barquiñas que andan por aí non teñen sistema ningún. Só teñen os faros.
-Na linguaxe dos faros, cada un dos que hai no mundo ten un código propio. ¿Como é o de Fisterra?
-Todos teñen a súa característica, con tempos de escintileos, de luz e escuridade. O de Fisterra escintila 0,3 segundos e ten 4,7 de escuridade, cun período completo de 15 segundos.
-O cabo Fisterra recibe 600.000 visitantes ao ano. Tal vez o mito da soidade do fareiro aquí non se cumpre.
-Aquí méteste no faro e non te decatas. O malo son os turistas en verán, que non hai maneira de entrar co coche. Pero a vida do torreiro cambiou para mellor. Antes si que había faros moi illados.
-¿E que pasa si se lles funde a lámpada?
-Agora se hai un fallo xa o vemos nunha web, calquera tipo de fallo. Se se vai a luz, temos grupos electróxenos de emerxencia, se non funciona un, entra o outro. Podería pasar unha ou dúas horas sen luz, pero non máis, terían que darse moitas coincidencias.
-Agora é así, ¿e antes?
-O faro foi cualificado como un dos de primeira orde de España en 1843, co de Machichaco. Entrou a funcionar en 1853 e entón consumía aceite de oliva. No 1883 instaláronse as sereas, para a néboa. En España, de aire comprimido, só queda a que temos en Fisterra. E no faro chegaron a vivir catro torreiros coas súas familias.