Inocentadas literarias

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

MONFERO

02 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vanse perdendo algúns dos costumes intelectuais que constituían o deleite e a sorpresa do 28 de decembro, Día dos Santos Inocentes. Por iso, síntome na obriga, nestas datas, de evocar a que, na miña opinión, foi a inocentada literaria de máis talento que se produciu na Galicia do século XX, cando este xénero literario non era, aquí e fóra, moi escaso.

Refírome a un breve opúsculo titulado Cancioeiro de Monfero, publicado en Vigo no ano 1953 en Edicións Monterrey, aquela editorial que ofreceu, con extraordinaria pulcritude, libros e folletos que están no mellor ronsel da bibliografía galega. O Cancioeiro, atopado no vello mosteiro de Monfero, contén cantigas do século XIII que non figuran en ningún dos tres cancioneiros profanos da nosa lírica medieval (Ajuda, Vaticana, Colocci-Brancuti). O editor, Xosé M.ª Álvarez Blázquez, de feito é o autor dos nove poemas que nos adianta neste singular opúsculo da nosa bibliografía. Un deles, quizais dun tal Golparro, comeza deste xeito: «Madre, a San Treeçon irei / e no río banharme ei». (Golparro, como saben os eruditos, era, probablemente, de Tui, e nesta ocasión, Álvarez Blázquez, tudense, tributoulle unha especie de homenaxe atribuíndolle, con cautela, unha cantiga de amigo.

Cónstame que, en 1953, houbo eruditos moi sabios que chegaron a crer na autenticidade medieval do Cancioeiro, entre eles don Florentino Cuevillas, pero ninguén expresou por escrito nin a súa evidencia nin as súas dúbidas. A imitatio estaba moi ben feita.

De todos os xeitos, o editor (e non só) deixou unha pista no texto do colofón: «Rematouse de imprentar o Cancioeiro de Monfero nos talleres Peón, de Pontevedra, o día 28 de nadal de 1953, sinalada festa que a todos, máis ou menos, toca».

Xosé M.ª Álvarez Blázquez, ademais de excelente escritor (gran poeta ás veces), era unha persoa moi erudita e, neste caso, con moi bo criterio «medieval» para compoñer cantigas de amigo como esta de Riandiño que comeza con versos que semellan do XIII: «Amigas, quando vier / meu amigo demandar / por mí, que vaia veer / se estarey ante o altar / de Santa Comba, ú m'él víu / o día que se partíu».