—Pois cantas carreiras se pagaron con ese esforzo, co leite.
—A dedicatoria desta última novela é para eses gandeiros hoxe xubilados, protagonistas do cambio, que lle entregaron a fillos ou netos unha explotación funcionando. Esa xeración é a deste libro. Miguel hoxe sería un avó.
—Aínda vive en Cabanas?
—Vivo nunha aldea de Santiago. Fomos moitos irmáns. Daquela, un quedaba na casa e os outros íanse. Eu marchei con 20 anos de Cabanas. Inicialmente fun a un piso, pero o primeiro que fixen na vida, xa cando tiña unha familia propia, foi comprar un terreo nunha aldea de Santiago, e facer alí casa. Son un labrador, cultivo para que todo o que poida vir da miña horta non veña doutro lado. Achégome á cidade cando fai falta, ao teatro, ao cine, a unha conferencia, pero nunca abandonei a terra, a lingua, aquilo que aprendín de neno na aldea.