Elga Fernández Lamas: «Procuro que haxa moito amor en todas as miñas ilustracións»

Gala Dacosta / A. U. FERROL

FERROL

José Pardo

A creadora ferrolá leva media vida en Valencia, pero mantén unha relación moi estreita coa cidade naval e con Compostela, onde atopa moita da súa inspiración

02 ago 2021 . Actualizado a las 21:38 h.

Chegou a Valencia cunha beca de estudos artísticos no ano 2005 e dende entón quedou alí. Elga Fernández Lamas estudou e traballou en Vigo, Ferrol e Lisboa, pero mantén un vencello moi grande coa súa cidade natal e con Galicia en xeral: «Eu teño dúas casas, en Valencia e en Ferrol, así que é como se vivise aí». É ilustradora e traballa como freelance, agora está inmersa en varios proxectos e en todos eles incorpora a súa marca persoal, as cores chamativas e o compromiso social acompañan os debuxos de Elga en cada encargo.

-Acaba de ilustrar o ensaio de Bel Olid editado por Embora, Fodemos?, tamén ilustrou os carteis para a as xornadas de Joves del País Valencià-Compromís e as populares postais de Compostela co gallo do Xacobeo, como consegue incorporar o seus trazos persoais en encargos tan diferentes?

-Eu creo que me identifico polas cores que uso, que non teñen un significado en si mesmas pero si que axudan a facer as ilustracións moi chamativas e vibrantes. As combinacións nunca van así por casualidade, senón que están buscadas. Non estou moi segura de como consigo o mesmo estilo, pero eu o que fago é debuxos máis complexos primeiro e logo é unha labor de síntese e de quitar elementos.

-Como é traballar como ilustradora freelance?

-Teño sorte porque me contratan bastante. Recibo os encargos por e-mail, ou por exemplo agora tiven un encargo de Renfe pero o procedemento foi a través da Asociación de Ilustradores Valencianos, que presentaron distintos books de traballadores, entre eles o meu, e eles escolléronme a min e a outros dez ilustradores.

-Algunha vez rexeitou encargos por non sentirse cómoda ou pensar que non se adaptan ao seu criterio?

-Polo de agora tiven sorte e non me pasou iso, pero un par de veces si que me marearon tanto e me pagaban tan pouco que acabei por deixar de contestar ás súas mensaxes e deixeino.

-Vin que moitas das túas creacións se venden nun só lugar físico, na tenda Ela Diz de Santiago de Compostela. Por que aposta por tendas pequenas especializadas como vía para a comercialización?

-Ese é o meu único punto de venda en Santiago, tampouco me interesa vender ao público como ao mellor fan outros ilustradores, eu traballo por encargo. En Ferrol tamén vendo en sitios localizados: algúns traballos na libraría Cantón 4 e outros en A Vella fábrica de lapis, que é unha tenda de belas artes.

-O público valenciano e o galego son semellantes en canto a gustos?

-Son diferentes, pero empezo a encontrar puntos en común. Por exemplo, cando en Valencia me pediron as ilustracións para Joves del País Valencià tiveron bastante repercusión, como tiveron en Galicia as de Ferrol e tamén as de Santiago de Compostela. Poderiamos dicir que a ilustración me serve de punto de unión entre os dous sitios.