Claudio, o alemán de Espasante. In memoriam

X.M.T. ESPASANTE

FERROL

cedida

Nacera en 1929 en Krefeld, unha cidade de Renania do Norte

19 may 2020 . Actualizado a las 11:57 h.

No verán de 1959 chegaba a Espasante unha familia alemá: a nai, Anna (+), o pai, Klaus-Peter Noever, e dous nenos, Tilman e Florian. Aquela familia quedou prendada daquel humilde porto de apenas 500 habitantes, case todos mariñeiros.

Klaus, a quen queremos lembrar hoxe, nacera en 1929 en Krefeld, unha cidade de Renania do Norte, fronteiriza con Holanda, e pasaría a súa adolescencia baixo os bombardeos aliados durante a dramática 2ª Guerra Mundial. Licenciado na Escola de Arte da súa cidade natal, estableceu alí o seu taller de pintura, escultura e cerámica; fixo viaxes por África, como debuxante de achados arqueolóxicos, aínda que tamén traballou como arquitecto. Pero en Espasante, ao lado do mar, atopou un lugar onde crecer persoalmente; incluso cambiou de nome: o Klaus, estraño para os locais, foi convertido en Claudio, en lugar do Nicolás que correspondería. As longas vacacións, de varios meses, levaron á familia a construír, con outros amigos, uns bungalows pegados á praia, «as casas dos alemáns», poñendo as bases do que hoxe é un dos polos turísticos do Ortegal.

Co seu poboado mostacho, tiña un claro aspecto xermánico: alto e rubio, pero o seu carácter era aberto; falangueiro, gañou a confianza dos vellos lobos de mar de Espasante, cos que armaba unha lancha e cunha poteira pasaban Pedramea e ían coller calamares no Cabo (Ortegal), ou na Estaca, para despois recorrer as tascas do Porto. Así aprendeu galego, que falaba con soltura, e incluso con retranca. Que un estranxeiro dun país próspero e avanzado como Alemaña falase galego debeu de provocar máis dun curtocircuíto nos habitantes da zona, nunha época -anos 60 e 70- en que o galego era menosprezado, incluso polos propios falantes.

Esa integración prendeu tamén nos máis novos da familia, Tilman e Florian, que foron medrando e acudían a toda canta festa patronal había de Viveiro a Cedeira. Dai que se ben o mais vello se fixo astrónomo marchou a Nova Zelandia, onde se asentou, o menor, Florian, convertéuse nun galego 100 %, e casou con Leonor, unha rapaza da zona, licenciada en Historia da Arte, coa que formou unha familia en Krefeld; alí, tras facer algúns estudos universitarios, sucedeu ao seu pai no obradoiro artístico. Non foron os únicos lazos renano-galaicos, pois unha sobriña de Claudio, Sabina, casaría cun mozo de Espasante, Francisco Ramil, hoxe profesor de Zooloxía na universidade de Vigo.

Alén disto, Claudio era un artista, con exposicións en Alemaña e noutros países, e algunhas en Galicia, pero un artista que colaboraba cando se lle necesitaba, como testemuñan as vidreiras que deseñou para a Igrexa de Espasante, e outras iniciativas altruístas que fixo na zona.

A integración da familia non lle impedía pensar coa xa daquela sólida educación xermánica, e amosar o seu respecto pola natureza; cando os nenos da zona perseguíamos e tirabamos pedras aos paxaros, eles eran quen de coidar dunha gaivota cunha pata rota, ou de admirar a beleza do mar e da vida silvestre.

Claudio axudou a amigos e coñecidos da zona a emigrar a Alemaña naqueles difíciles anos 60, e se ben coñecía o carácter galego, non terminaba de entender que un emigrante se matase a traballar na industriosa Renania, e aforrara e aforrara, sen contribuír ao desenvolvemento do país que lle daba de comer, para retornar a Galicia e montar un bar chamado Düsseldorf. Porén, apreciaba daquela o agarimo da familia galega, con varias xeracións -pais, fillos e avós, e incluso bisavós- convivindo xuntos, ao contrario das familias alemás, cos fillos independizados rapidamente do fogar paterno, co que implica dunha vellez solitaria, que hoxe tamén vemos aquí. Hai poucos días faleceu. En Espasante botarano de menos.