O demo en Ferrol

Siro López FERROL / LA VOZ

FERROL

siro lopez

13 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

No ano 1899 poñíase á venda o libro Medicina del cielo o la Salud para los enfermos y remedio en las enfermedades espirituales y temporales, do presbítero Pedro de la Torre y del Pozo, editado con todas as licencias eclesiásticas en Madrid, que ofrecía un amplísimo cadro médico celestial ?dende santa Aldegundis, especialista no cancro, a santo Bernardino de Siena, eficacísimo contra a disentería?, para combater a totalidade das enfermidades coñecidas. Cen anos despois merquei en Ferrol unha ducia de libriños da colección Los santos protectores, intercesores ante Dios, da editorial valenciá V J, cos textos das Novenas a un cento de santos milagreiros, avegosos contra os males do noso tempo, incluídos os da perda da saúde. Mágoa que non teñamos máis fe, porque desaparecerían as listas de espera na Seguridade Social.

Sen embargo hai veces que os santos e santas precisan a colaboración dun sacerdote, para realizar as curacións. Refírome aos casos de posesión demoníaca, que poderiamos crer cousa dun pasado sumido na ignorancia e na superstición, se non fose porque cregos especializados advirten de que van en aumento; de aí que o Vaticano aprobase, hai poucos días, os estatutos da Asociación Internacional de Exorcistas, que conta cuns 250 sacerdotes en 30 países. Poucos, moi poucos exorcistas para loitar cos 44.435.556 demos que andan polo mundo segundo Johannes Weyer, médico do século XVI, profesor na universidade de París e tutor dos fillos do rei Francisco I de Francia; un número elevadísimo que, non obstante, o cardenal Ratzinger, quen despois sería o papa Benedicto XVI, eminente demonólogo, aumentou considerablemente nun estudo feito público hai coarenta anos.

Os santuarios de San Campio e do Corpiño, en Lalín, seguen acollendo enfermos do mal cativo, e, aínda que eu nunca a eles fun, coñézoos dende neno porque a señora Antonia, unha vella de Esteiro, tan boa muller como lareteira, e tan curiosa como devota, visitábaos todos os anos os días da romaxe, cando máis posesos había; despois viña á nosa casa e contábanos que un posuido falara linguas estrañas; que unha rapaza miudiña, á que catro homes non conseguían suxetar, lle dera unha labazada ao crego; que outra botara escuma verde pola boca como para encher o balde de regar a roupa; que unhas mulleres falaran con voz de home e outras roncaran coma cochos; que todas blasfemaban e berraban obscenidades; e que algunhas botaran o demo fóra, e era un manoxo de pelos, Todo canto vin, moitos anos despois, na película O exorcista, oírallo xa á señora Antonia, tremando de medo, mentres miña nai facía cruces e meu pai surría, divertido.

Pero tamén hai exorcistas laicos, non autorizados pola Eirexa, que curan ao seu xeito. O antropólogo Carmelo Lisón Tosana coñeceu nos anos sesenta unha muller de Ferrol, tan enérxica, que escorrentaba os demos berrando repetidamente aos posesos: «¡Bótao fora!» Logo, cando o vomitaban, pisábao con saña para que non poidese entrar nalgún dos presentes, que, por se acaso, tiñan a boca ben pecha.

En Pontes de García Rodríguez actuaba outro espiritista ferrolán, xa maior, a quen nas aldeas chamaban respectuosamente o señor, que exorcizaba con libro, estola e rosario. Na zona de Cedeira descubriu a dous evanxelistas, tamén de Ferrol, de 33 e 34 anos, que percorrían a bisbarra exorcizando posesos, alcendendo velas e lendo os evanxeos en latín e a dúo. Lisón non dá os nomes dos exorcistas, pero eran Nandito e Pedrito, coñecidísmos na cidade por non ocultar a súa homosexualidade nun tempo en que se consideraba un mal tan cativo coma o da posesión diabólica.

A Santa Eufemia, en Arteixo, xa non van endemoniados e curiosos, pero foi o santuario ao que acudían os de Ferrol e da outra banda. Tantos ían, que o 16 de setembro de 1865 naufragou a lancha que os traía de volta, e morreron vintecatro veciños de Fene.

siro@siroartista.com