Tomar as augas en Guitiriz

POR SIRO

FERROL CIUDAD

SIRO

15 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

No verán de 1966 visitei á miña nai, que pasaba uns días en Guitiriz para tomar as augas, e, con noite pecha, saín a pasear pola vila baleira de xente, silandeira. De súpeto, na rúa do Concello escoitei un «¡chisss!» forte e longo, como ameazante; ollei en redor, sen ver a ninguén, pero o «¡chisss!» repetiuse varias veces; e cando pensaba que alguén facía mofa de min, apareceu un home maior, pequeno e elegante, e explicoume que o «¡chisss!» facíao unha curuxa, nunha das moitas árbores das beiras. O señor era o aviador Iglesias Brage, e a curuxa tería que emigrar pouco despois, cando o Plan Redia -Plan de Mellora da Rede de Itinerarios Asfálticos- arrincou as árbores.

Moitas familias ferrolás tomaron as augas no Balneario de Guitiriz xa a comezos do século XX, cando foran declaradadas de utilidade pública e indicadas para trastornos hepáticos, doenzas biliares e da pel; pero a partir dos anos coarenta os ferroláns en Guitiriz eran lexión. Os médicos recomendaban «un cambio de aires» contra a tise, e Guitiriz, a 500 metros sobre o nivel do mar, cun clima seco en verán, ben comunicado por ferrocarril, e rodeado dun entorno paisaxístico fermosísimo, resultaba un lugar idóneo.

Despois, nos anos cincoenta, coa penicilina facendo milagres en España, seguiron aprezando a aire seco de Guitiriz, porque os nenos non collían catarros no inverno.

As augas e o clima eran dúas fontes de saúde que apreciamos en todo momento, porque ir á fonte de San Xoán no Balneario -de libre acceso-; beber, en xexún, un vaso ou dous de auga, apretando cos dedos o narís polo mal que ole; e dar despois unha camiñata polo bosque con árbores centenarias, ten moito de curación polo espírito.

Por eso se enchían os hoteis Tomé e Sánchez, e Casa Bergantiños; e tamén as casas dos veciños, que todos alugaban cuartos aos «augueiros». Por eso de Ferrol ían familias tan coñecidas como as de Caballo, con chalé propio; os Barros, e Román Cenalmor, que alugaban casas enteiras; os Botas, que ían á casa da Ferretería «o Pito»; os Planas, que tiñan barcos de pesca e levaban cigalas, que nunca outras se viran; os Guerreiro, da Ferretería Central, na rúa Magdalena; os Blanco, de Chocolates Helvetia; os Alvariño, do Banco da Coruña; os Prado, da Droguería Central, na rúa Real?

Á casa do xastre ía, coa filla Lucha, Federico Pérez Lago, avó de Quico Pérez Lago, que fora concelleiro republicano e salvara a vida de milagre.

Cando Maruja Vidal, a irmá de Miguel Carlos, o avogado, casou cun Parguiña de Guitiriz, levou alá a escola que tanto prestixio acadara en Ferrol, e familias ferrolás colleron casa en Guitiriz, no verán, para que os fillos fosen a unha pasantía con ela.

O de Miguel Carlos é caso aparte: empezou veraneando no Hotel Tomé e rematou no chalé do construtor Raimundo Fernández, que durante anos ocupara dona Carmen Polo de Franco. Pero, ademais, era cousa de ver o matrimonio e os cinco fillos, facendo sendeirismo, en ringleira, e o do medio lendo para todos un conto de Cunqueiro ou os versos de Aleixandre, poño por caso. Tan grato recordo garda a familia daquel tempo, que segue xuntándose en Guitiriz un día ao ano para perpetualo.

O pasado 17 de maio asistín en Guitiriz á homenaxe que a Academia Galega facía, na súa vila natal, ao poeta Xosé María Díaz Castro, e achegueime á fonte de San Xoán, no Balneario, para comprobar, unha vez máis, que a auga cheira a ovos podres. Recordo a miña nai bebéndoa e poñendo caras feas, mentres dicía: «¡Ai, Dios mío; a ver se fai tanto ben, como mal sabe?». Pregúntome cantos daqueles veraneantes tomarían, de verdade, as augas. Miguel Carlos Vidal pensa que os ferroláns ían a Guitiriz pola auga, polo aire e polo nome. «Guitiriz» soa tan raro e tan bonito, que era como viaxar ao estranxeiro.

siro@siroartista.com