Oficios que desaparecen (VI)

POR SIRO

FERROL

Oficios que desapareceron completamente na cidade foron os de taloneiro, carreteiro e capador. No fielato o consumeiro vixiaba para que non entrasen mercancías de matute, pero quen cobraba o imposto municipal era o taloneiro. Ao desaparer os fielatos, os taloneiros pasaron ao mercado da Magdalena, onde seguiron cobrando un imposto polas mercancías, controladas ao peso nunha báscula que estaba nun lateral do edificio. Tamén cobraron, durante anos, nas portas do Manolo Rivera un canon de amortización do estadio, e despois pasaron a cobrar polas casas outros servizos municipais, como o da auga, que tiña moitos morosos.

Carreteiros houbo moitísimos nos anos coarenta e cincoenta, cando se fixeron as casas baratas, o recheo da Peninsular Madereira, a Feira de Mostras, e demais obras importantes. Carreteiro era Cinzo, o porteiro do Libunca, que chegou a importante transportista. No Río do Tronco estaba Chicho e, antes que el, o pai. En Esteiro o carreteiro era Ramón, que vivía na rúa de San Sebastián. Tamén Vivaranga, o taberneiro da rúa de Ánimas, andivo un tempo de carreteiro, e seica metía o cabalo entre os clientes.

Capador era Plácido, que paraba en Casa Couto, un bar cercán á miña casa, e tiña o narís partido por un corte de navalla. Unha noite, ao entrar no bar o señor Montoya cun par de fillos, Plácido berrou en ton de mofa: ¡Aí vén o Rei dos gitanos!, e os presentes botáronse a rir. O vello Montoya botou man á pistola e pegoulle un tiro. Plácido cubriu a cara co brazo e a bala entroulle polo cóbado. Estivo meses sen poder capar.

Na miña mocidade había en Ferrol camiseiras, zurcidoras, forradoras de botóns, e moitas e moi boas bordadoras a man e a máquina, que facían marabillas nos xogos de cama dos novos matrimonios. Tamén había zapateiros de verdade, dos que coñecían o oficio, sabían curtir a pel, traballar a goma na auga, coser e encolar, e eran quen de facer zapatos a medida, mesmo para xente de pés deformes. Zapateiro en Narón era Patuco, que tiña un pé torto; e en Esteiro, na rúa san Fernando, o señor Porto, que tiña revirados os dous.

Hoxe hai comadroas, pero xa non atenden ás parturentas nas casas, como facían dona Nicolasa e dona Helga, a alemana, que viñera a Ferrol para esquecer o horror da Guerra Mundial, e ía de casa en casa en bicicleta.

Única no seu oficio foi Soledad, unha muller de Moeche, que fabricou no alpendre, durante cincuenta anos, con pedras que recollía nas canteiras de serpentina, as tizas coas que os soldadores de Bazán en Ferrol, Cádiz e Cartagena marcaban nas planchas de aceiro a liña de corte. Morreu aos 92 anos, e traballou case ata o último dia.

Outro oficio curioso e efémero foi o de Baudilio e Sineiro, os plantadores de bolos na boleira que houbo na rúa Real. Eran baixiños e rápidos coma denociñas; e tal lles valía que tiñan que brincar cando se demoraban para rectificar a posición dun pao e oían rodar a bola pola pista.

Xa non hai organilleiros, nin charlatáns dos que vendían duros a catro pesetas, ou daban a sorte do paxariño; nin adiviñadoras, nin fakires que se deitaban na cama de cravos e comían bombillas. Substituíronos os músicos de conservatorio ambulantes, os africanos da manta, e as estatuas vivintes.

sirolopezlorenzo@yahoo.es