Rapateo e chatarrerías

por siro

FERROL

Neste tempo de crise económica aparecen en toda España pequenas tendas de compradores de ouro. Xorden coma os cogumelos no outono. Na crise económica dos anos coarenta e cincoenta xurdían as chatarrerías, onde os rapaces e mozos que andaban ao rapateo baleiraban os sacos cheos de ferro, chumbo, cobre, zinc, latón, bronce, aluminio e outros metais. A algúns quedáronlles alcumes derivados daquela actividade, como ao meu amigo Bellón calamina, morto moi novo, a penas saído da mocidade.

O rapateo foi unha das poucas fontes de ingresos para os rapaces de familias humildes, que non conseguiran ingresar de aprendices en Bazán, nin en Astano, nin na Fenya, e que cada mañá, co saco ao lombo, percorrían os arrabaldos da cidade, facendo unha verdadeira xornada laboral.

Das moitas chatarrerías que había no Ferrol da miña infancia recordo en Esteiro a de Tino, na rúa Fernando VI; a de Pinocho, na de San Sebastián; a de Tom Kenny, no calexón das Calaveras, así chamado porque estaba fronte ao depósito de cadavres do Hospital de Mariña. Tom Kenny tiña un ollo de cristal e cando era rapaz, para andar a labazadas, quitábao e dáballo a gardar a alguén ata que rematase a liorta. Na rúa de Ánimas estaba a chatarrería de Eduardo e Paca a do ferro vello. O fillo José Manuel trasladou o negocio a Castro, e foille tan ben que asistía ás subastas de material en Bazán e Mariña. En procura de chatarra chegara a Ferrol o murciano Manuel Victoria, que quedou con nós e instalouse na rúa Pardo Baixo; logo o fillo Jesús levou a chatarrería á rúa Velázquez. Jesús Victoria casou con Cristina Meizoso, compañeira miña na Oficina Técnica de Bazán, e irmá do Meizoso xefe de Monturas a Flote e do Meizoso árbitro de baloncesto. Fillos de Jesús e Cristina son os Victoria peritos navais, dous en Bazán, outro na Escola.

En Ferrol Vello había tamén varias chatarrerías: a de Teixeira, o portugués, na rúa Esparteiro; a de Xoaquín, tamén portugués, na rúa Nova; a de Victorino, na rúa do Cristo; a de Alfonso, non sei se en Esparteiro ou na rúa Nova? En Canido, perto da casa de Salomón o fogueteiro estaba a de Ismael, onde Vituco Ameneiros e os amigos, todos nenos, ían vender as placas de identificación que arrincaban aos troncos de árbores da Guinea, que chegaban, numerados, á Peninsular Madereira.

Na Graña andar ao rapateo dicíase andar ao cachucho, e os rapaces ían buscar ferregachos á ribeira e ao varadeiro, que vendían en Ferrol porque nin na Graña, nin na Cabana había chatarrerías. Un día chegou á Graña un barco estranxeiro para carenar, e os mariñeiros fixeron un cabo para amarralo ao peirao, e tiraron un cacho que lles sobrou. Luis Penín e outros pícaros recollérono, abraiados, porque ningún coñecía o material do que estaba feito. Tampouco na vila ninguén vira nada igual.

Os rapaces venderon aquela gaza, dun metro de longo e catro centímetros de diámetro, a Teixeira o portugués, que lles deu cartos para ir ao cine e mercar refrescos e larpeiradas varios días. Por primeira vez os mariñeiros de Ferrol puxeron aos seus botes estrobos de nylon para os remos.

sirolopezlorenzo@yahoo.es