«A comarca queda destrozada»

FERROL

CÉSAR TOIMIL

O rexedor, que xa batallou na primeira reestructuración do naval, lanza unha advertencia: aínda non hai conciencia social das consecuencias dos axustes

20 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Parece ter a impresión de vivir un funesto deja-vù a redor dos asteleiros: as súas palabras teñen o aval da experiencia en situacións sociolaborais complexas, como a que xa a mediados dos oitenta padeceu Ferrolterra coa reconversión industrial. No día despois do acordo que deu a saída á segunda reconversión industrial da comarca, o alcalde de Fene era o vivo retrato do pesimismo. Dende a perspectiva do seu longo mandato, o alcalde albisca un futuro amenazador. -Por fin hai un pacto en Madrid. ¿Que sensacións lle transmite? -O resultado é absolutamente insatisfactorio. Parece que os sindicatos lle fixeron o traballo sucio ao Goberno, igual que na outra reconversión. Agora nos quedamos cun monocultivo no ámbito militar do naval, e o complexo integral que todos demandamos para a ría de Ferrol finalmente vai á baía de Cádiz. Ademais, se elimina o traballo no mercado civil... -O plan reserva un 20% de produción civil. -Xa, pero un 20% non é nada. E logo están as prexubilacións, unhas 1.500, máis os traballadores das auxiliares, que son uns 2.000 que van quedar na rúa. En total, destrúense preto de 4.000 postos de traballo. -Unha factura social excesiva... -Por suposto. Esto dá a puntilla á comarca. Temos pendente o porto exterior e os seus accesos, o Plan Galicia, o tema de Endesa... -Durante tempo falouse do posible peche de Izar Fene. Tendo en conta aquela funesta perspectiva, ¿parécelle este pacto un mal menor? -Non me parece unha solución en absoluto. Isto non é un peche... pero casi. Aquí van prexubilar a uns 700 traballadores. Non terán problemas económicos, pero se destrúen postos de traballo. E no ámbito militar, hay que compartir encargos cos outros centros de traballo. -¿Que consecuencias cre que pode acarrear para Fene esta reconversión? -A situación vai ser tremenda. A emigración que xa hai vai crecer porque non hai perspectivas para os rapaces. Eu penso que esta sociedade está adormilada e aínda non se deu conta do gravísimo problema que se lle ven enriba. Esta comarca queda destrozada. Hai que mobilizarse.