Julie Guravich, unha das grandes voces do jazz galego, naceu en New Brunswick, en Canadá, pero ninguén diría que veu de tan lonxe. Só hai que escoitala falar
07 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Vén co tempo xusto. Sae de viaxe unhas horas despois. Falamos nun café que ten as paredes cheas de estampas antigas, nun local decorado con imaxes daquel barrio da Magdalena, color sepia, de principios do século pasado. Para que a fotografíen elixe o rincón do porto ó que vai paseando cando quere escribirlle unha carta á súa nai. Julie conta que viviu en Cedeira «moitos anos», e que lle parece un lugar marabilloso, pero que tamén en Ferrol se sente ben a gusto. O que lle importa, sobre todo, e ter o Atlántico cerca. E, por suposto, cantar. -A súa voz non lle faría pensar a ninguén que veu dende tan lonxe... -¿Dilo porque falo en galego...? -Non só por iso. Tamén pola súa maneira de contar as cousas, pola modulación das palabras... -¡É que xa levo aquí bastantes anos...! E penso que cando chegas a un lugar, e o fas teu, tamén debes dar os pasos necesarios para integrarte. A min o galego é unha lingua que me encanta: un idioma moi melodioso. ¿Como che diría?, moi cálido. E mira, hai xente á que lle estraña que o fale, pero é que eu lle quero ao lugar no que vivo, e síntome moi identificada coa cultura, coa lingua, coa paisaxe. Defender o que define a un país tamén é apostar porque ese país se desenvolva, porque a súa economía medre. ¿E sabes que noto...? -Dígame. -Que hai momentos nos que parece que o valor do que ten Galicia percibímolo máis os que vimos de fóra que os que estiveron aquí sempre. E iso tamén pasa un pouco cos emigrantes. Cando están lonxe empezan a ver o valor do que deixaron aquí. Por iso algúns, cando regresan, son tan críticos. -¿A que se refire? -A que resulta incomprensible ver cómo Galicia está destruíndo tantas cousas marabillosas. E non falo da lingua, porque aínda que nas cidades hai moi poucos nenos que falen galego, iso, en moitos casos, vai cambiando conforme medran, e sobre todo cando chegan á Universidade. Falo de cuestións que teñen máis difícil amaño, como son as feridas da paisaxe. Non entendo cómo non se toman outras medidas para poñerlle fin á destrucción da natureza e ó feísmo urbanístico. ¡Non hai ningunha sensibilidade...! -E para o jazz, ¿hai sensibilidade? -Si. Sensibilidade e grandes intérpretes. Ademais, aquí xa existe un público consolidado, e outra xente que se vai achegando pouco a pouco. Tamén hai que ter en conta que o jazz é unha linguaxe, ás veces, moi complexa, e que ante esta música quen non está afeito a escoitala pode ter todo tipo de respostas. Pero, ¿sabes que é o que vai a menos? -Non. -O número de locais especializados. Noutro tempo había bastantes máis que agora. -¿E os rapaces, como o ven? -¿O que? -¿Gústalles o jazz? -Pois mira, ante o jazz, cando o escoitan, os rapaces, moitas veces, sorpréndente. Nós fixemos uns conciertos didácticos que foron unha experiencia moi bonita, e imos seguir con iso, porque os resultados foron realmente excelentes. -Ou sexa, que vai haber «canteira»... -Si, dende logo. E non esquezas que Ferrol foi un dos primeiros lugares nos que se formou unha asociación de afeccionados ó jazz. -¿Prefire as gravacións ou cantar en directo? -Prefiro o directo. Aí sentes o público, e nunca hai dúas interpretacións iguais. -¿Que opinión lle merece a afirmación de que «o jazz sempre será unha música elitista»? -Non estou dacordo. O jazz pode facer vibrar a calquera. Sobre todo cando se interpreta en locais pequenos. E é certo que un determinado tipo de jazz pode ser máis minoritario, pero non así as fusións, nas que entran dende a música latina ata o rock. -¿Como chegou vostede a Galicia? -Pois eu, que tamén son profesora de inglés, vin primeiro a Salamanca, cunha bolsa de estudios. E dende alí, un verán, vin a Galicia e quedei impactada. Só o feito de chegar e ver dende o tren todo este verde, tan parecido ó do lugar no que eu nacín, me impresionou profundamente. Fun coñecendo a illa de Ons, Santiago de Compostela... E, cando puiden, regresei. Vin de Canadá cunha filla de tres meses, e aquí naceu a segunda. Formei unha familia. -E séntese ben aquí... -Moi ben. Encántame a xente. E non estou a falar só de Galicia. Falo, en concreto, da nosa comarca. ¿Sabes que é o máis salientaría eu? -¿Que? -A xenerosidade. Da xente de Cedeira, da xente de Ferrol... A xente de toda esta zona é xenerosa, que ofréceche todo tipo de axuda para calquera cousa que precises. Agora non se me ocurre que haxa un mellor lugar para vivir que este. -¿E realmente sabemos aprecialo? -Hai de todo. É que as cousas teñen que ir cambiando pouco a pouco. Pero os rapaces novos van vendo que o que o patrimonio dunha comunidade hai que defendelo. Eu creo no futuro. Todo irá chegando con naturalidade. -Coma no jazz... -¡O mesmo! É que a nosa música é coma a vida. Por iso os intérpretes temos un reto distinto en cada concerto.