Jules Verne coñeceu a illa de San Simón, e chegou a Vigo en dúas visitas no iate Saint-Michel III, pero os tesouros que o seu capitán Nemo atopa, nun capítulo da novela 20.000 leguas baixo dos mares, son «bagatelas». Ou iso di o Nemo da película de Disney...
26 may 2026 . Actualizado a las 18:20 h.A paisaxe máis abraiante do mundo require unha inmersión a fondo. Esa paisaxe e o maior tesouro que un home pode coñecer («un espírito sereno e un estómago cheo») son cousas que sabe, e fai saber aos seus prisioneiros e lectores, o capitán de novela e de cine que dá nome a un peixe pallaso que todos os nenos coñecen ben. El é Nemo, e ás súas 20.000 leguas baixo dos mares volvín eu coa pequena das miñas fillas tras visitar nunha desas mañás atlánticas con illas á vista desde a baía do Orzán o Aquarium Finisterrae. A cousa é que a miña nena e eu baixamos a ver ao tiburón Gastón, que chegou de Brest ao Nautilus da Coruña hai vinte anos, para converterse nunha estrela do acuario que ten a súa propia versión do submarino máis famoso da historia, e foi que quedamos nas escaleiras sen tempo, mordidas polo asombro ante esa marabilla de composición de carteis e distintas edicións de 20.000 leguas baixo dos mares que precede no acuario ao descenso á sala enterrada no mar que imita o fogar submarino do capitán Nemo. Cando non tes plan, baixa ao Nautilus!
Entre as múltiples edicións da obra de Verne que garda o Aquarium Finisterrae está a primeira de todas, que viu a luz en 1869. Nesa data publicouse a primeira parte da novela de Verne para lectores que vogan, que fascinou, entre tantos, a autores galegos de primeira, como María Oruña e Domingo Villar, e que, segundo lin nunha entrevista neste periódico, acendeu no cineasta Dani de la Torre a fantasía de poder facer na ría de Vigo unha sorte de Master and Commander da batalla de Rande. Eu podo imaxinalo sen gastar...
Non hai que somerxerse sequera. A pegada de Verne está á vista en Galicia. En Vigo agarda un Verne de bronce —escultura de José Molares— acaso por un Nautilus como o que, seguramente, soñou Domingo Villar. En Vigo recorda Verne co tempo estraño da eternidade aquel monstro mariño que inspirou a súa aventura literaria, baseada nun submarino que existiu en realidade, polos mares na busca de tesouros que son inmateriais, como o coidado dese mundo descoñecido que é o fondo do mar, ou o valor duns principios que mesmo transcenden a morte. Nemo é unha figura que non se entende nin se xulga facilmente, que dá moito que pensar.
Aínda que Verne coñeceu a illa de San Simón, e chegou a Vigo en dúas visitas no iate Saint-Michel III, os tesouros que o seu capitán Nemo atopa, nun capítulo da novela 20.000 leguas baixo dos mares, son «bagatelas». Podemos poñer iso en cuestión, por suposto. Tal consideración é do capitán Nemo que interpretou na película de Disney, de 1954, James Mason, na que o profesor Aronnax (Paul Lukas) é a elegancia e o rigor e o arpoador Ned (Kirk Douglas) un trapalleiro e xenial lobo de mar.
É interesante rever este clásico de cine, porque os hoxe moi superables medios técnicos do filme non fan que perda enxeño o guión e valor a esencia do texto e a calidade das interpretacións. Na peli partimos de San Francisco á busca, cara a Saigón, dese monstro que ilustran nun chimpo creativo os xornalistas de medios como Bulletin, Globe e Post.
Eduardo Rolland faino mellor. El é o gran coñecedor e divulgador actual de Jules Verne.
A Nemo todo llo brinda o mar. Segundo Disney, a súa Ítaca é a illa Crespo, no Pacífico. Outros cremos que o desenlace da aventura está por chegar na illa de San Simón.