Centros de toda Galicia axudan aos alumnos, non só de FP, a desenvolver os seus propios proxectos con programas para fomentar o autoemprego
09 dic 2025 . Actualizado a las 20:09 h.Nun aula calquera dun centro de formación profesional galego pode estar nacendo a próxima panadería do teu barrio, unha aplicación que mellore a vida das persoas ou un invento que resolva un problema que nin sabías que existía. Moita xente pensa na FP como un camiño directo cara a un emprego por conta allea: aprender un oficio, entrar nunha empresa e comezar a traballar. E si, esa é unha das súas grandes fortalezas. Pero a FP galega tamén agocha outra porta que ás veces pasa desapercibida: a do emprendemento. Cada vez máis alumnos descobren que, coa axuda dos seus centros, non só poden prepararse para un posto de traballo, senón crear o seu propio proxecto e converterse en donos das súas ideas.
Moitos rapaces xa seguiron este camiño grazas ao plan Eduemprende: crearon o seu propio negocio ou deseñaron prototipos que poderían converterse nunha empresa mañá mesmo. Todos comparten algo, a oportunidade de probar da man de profesores que os acompañaron durante todo o proceso para que puideran despegar sen preocupacións.
Viveiros de empresas
De entre todas as ferramentas á disposición dos alumnos, esta é a máis estendida nos centros galegos. Actualmente son 33 os que contan con este tipo de espazo, pensado para que o alumnado teña todas as facilidades para transformar unha idea nun proxecto con forma e futuro. Estes viveiros funcionan como unhas oficinas de coworking dentro do centro. Os estudantes teñen equipamento informático, mesa de traballo, salas de reunións e asesoramento do profesorado para desenvolver as súas ideas de negocio.
Bernardo Alonso é o coordinador do viveiro de empresas do CIFP Audiovisual de Vigo, que ten tanta demanda que as tres prazas coas que conta xa están cubertas e tivo que colaborar con outros centros para darlle cabida a outras empresas.
Este profesor destaca que poden acceder aos viveiros de empresas «tanto estudantes como ex alumnos de calquera ensinanza sostida con fondos públicos de Galicia» (formación profesional, artes plásticas e deseño, superiores de deseño, de conservación e restauración de bens culturais, de arte dramática, de música, de danza, deportivas, bacharelato e educación secundaria para persoas adultas). Grazas ao proxecto, poderán desfrutar do espazo «durante un período de dous anos, prorrogables». Actualmente, o centro está a plena capacidade con tres proxectos: Nena do demo —unha produtora audiovisual—, LuArt producciones —unha produtora de espectáculos e eventos con monicreques— e Queimarte Films —unha produtora de curtametraxes—.
«Grazas a esta iniciativa non arriscan nada por intentalo»
Bernardo Alonso destaca o papel dos docentes como conselleiros. «O centro pon á súa disposición as instalacións e nós asesoramos en todo o que eles nos pidan» para poder levar a cabo as súas ideas. «A finalidade última é que eles se constitúan e poidan funcionar de xeito autónomo. O éxito sería que non necesiten das nosas oficinas para traballar», apunta. Alonso valora moi positivamente este espazo, xa que «como as oficinas son gratuítas, eliminas unha barreira que pode frear a un alumno a dar o paso. Grazas a esta iniciativa non arriscan nada por intentalo», conclúe.
Un caso de éxito deste programa o protagoniza Yamila Novo. Cando acabou a ESO iniciou o ciclo de cociña no CIFP Paseo das Pontes de A Coruña. Alí, grazas ao apoio de varias profesoras e do viveiro de empresas, decidiu que ía intentar cumprir o seu soño de crear a súa empresa. «Yo siempre tuve claro que quería tener mi propia pastelería. No pensé que fuera a ser tan jovencita pero se dieron así las cosas», comenta dende a trastenda de Pan e Canela, a súa propia panadaría na zona de Riazor e que cumprirá dous anos. Para ela é unha meta alcanzada xa que de pequena «ya fantaseaba con ello, en vez de ponerme los dibujos en la tele veía los programas de Eva Arguiñano», comenta entre risas. Cando empezou os estudos coñeceu a unha profesora que lle cambiou a vida. «Avelina es como una segunda madre para mí y todo empezó con ella», relata. Grazas a que o viveiro de empresas tiña moita promoción no centro decidiu informarse. «En ese momento Trini y Marián [profesoras encargadas do viveiro] me ayudaron a hacer el plan de empresa, que es un trabajo muy laborioso», comenta Yamila. «Es algo muy difícil de hacer sola sobre todo cuando lo tienes que enfocar para conseguir financiación de bancos», lembra.
«Siempre tuve claro que quería tener mi propia pastelería»
Grazas á súa axuda comezou a darlle forma ao proxecto. «Ellas me abrieron las puertas, me guiaron hacia dónde debía ir porque por mucho que estudies un sector, a la hora de hacer un proyecto tocas temas de los que no te han enseñado, como las leyes que hay que cumplir al hacer una obra, las licencias que necesitas y otras muchas cosas», enumera a pasteleira.
Innovación
A segunda vía que impulsan dende a formación profesional chega a través dos proxectos de innovación tecnolóxica, como os promovidos por Innovatech ou polo Centro de Innovación da FP. Aquí o alumnado non traballa con exercicios inventados, senón con retos reais: mellorar un proceso industrial, crear un prototipo, automatizar unha tarefa ou deseñar un produto novo.
É nese proceso onde xorde o espírito emprendedor. Cando tes un problema diante e tes que resolvelo, aparecen ideas que poden converterse nun servizo, nunha aplicación ou nun produto vendible. Baixo esta premisa nace o programa Innovatech, no que estudantes de FP teñen que enfrontarse a 20 retos reais propostos por empresas de todo tipo. Grazas a esta iniciativa, conseguiuse rexistrar a primeira patente da formación profesional galega da man do equipo de NetClean. Eugenia López, David Gallego, Desiré Narciso e Santiago Rodilla —dous estudantes do ciclo de Enerxías Renovables e dous de Deseño e Fabricación Mecánica no CIFP Paz Andrade de Vigo—, participaron na primeira edición de Innovatech intentando resolver o reto proposto pola empresa Viaqua. A súa solución foi un sistema de autolimpeza de fosas sépticas no rural, idea que puideron desenvolver no Centro Galego de Innovación da Formación Profesional-Eduardo Barreiros e posteriormente patentala.
María Jesús Carnero, directora deste centro de innovación, destaca outros dous proxectos nacidos do Innovatech. «Na primeira edición, ademais de que conseguimos rexistrar a primeira patente, naceu unha primeira empresa. Tras recibir o acompañamento do centro, constituíuse de forma independente: RqR, unha marca que reutiliza residuos téxtiles para a fabricación de calzado e complementos», apunta.
«Conseguimos rexistrar unha primeira patente de FP en Galicia»
María Jesús Carnero destaca tamén un proxecto nacido da segunda edición do certame: EscoitaTech. «Estes alumnos están desenvolvendo un sistema de mantemento preditivo de equipos industriais mediante análise acústica con intelixencia artificial», destaca.
No centro de innovación contan tamén cun espazo de emprendemento industrial, onde os docentes fan un acompañamento total «no desenvolvemento dos prototipos, ideas de negocio, estudos de viabilidade e analizamos se o produto e rexistrable ou patentable e axudamos con toda a tramitación». Este servizo, aínda que estea centralizado no Eduardo Barreiros, ofrécese a toda a formación profesional galega. Os estudantes poden solicitar praza nas instalacións ou incluso contactar co centro para resolver dúbidas.