Algo que non podía faltar nunha noite de muíño era a festa, e na Fonte Santa de Brandeso hóuboa. Para iso, contouse co bo facer dos incombustibles Froito Novo, unha agrupación folclórica melidense decana na zona e rexuvenecida con zume novo. Os outros protagonistas da noite estaban agardando no forno de pedra, que foi acariñado co alento dos remois e visitado por unha fonte de barro chea de chourizos de Lalín, tan divinos como efímeros. O menú completouse cun pan que sabía coma o de antano e que daba fame non máis ulilo, con queixo da terra, xamón, empanada e un pipo de viño que a máis de sacia-la sede, quentou o espírito. E se o viño non abondaba para tan loable fin, aí estivo a queimada para darlle vida ás linguas ata ben entrada a noite. Concluía así a penúltima etapa das Xornadas do Pan, unha experiencia que rematará o 5 de outubro, ca fornada da fariña obtida na fin de semana.