Raquel Touceda: «Cando empecei con 20 anos poucas mozas querían traballar no campo»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

AGRICULTURA

Miguel Souto

A Federación pola Igualdade das Mulleres premia a traxectoria da estradense

20 mar 2026 . Actualizado a las 22:20 h.

Raquel Touceda Matalobos (A Estrada, 1984) é un caso claro de vocación profesional e paixón polo agro. Medrou correndo entre amorodos e feixóns, aprendeu dos seus pais os segredos da horta e, cando lle chegou a hora de escoller camiño, tivo claro que quería ser agricultora e incorporouse á explotación familiar, Río Ulla SAT.

—Cando e por que tomou a decisión de dedicarse ao agro?

—A min o campo sempre me gustou. Creo que o tiven claro desde nena. Estudei Bacharelato, e tiña boa cabeza, pero a min tirábame máis o agro que a universidade. O que me apetecía era seguir coa explotación familiar. Moita xente me ten preguntado que por que non estudaba outra cousa. Eu estou aquí porque é onde quero estar. Nin era mala estudante nin ninguén me obrigou.

—Daquela moitos mozos renegaban do campo e moitos pais preferían que os seus fillos collesen outros camiños. Puxéronlle algunha traba os seus?

—O único que me impuxeron foi que, se quería vir para a explotación familiar, que me formara primeiro. Fixen algúns cursos de xestión de empresas e outras cuestións e despois incorporeime á explotación familiar, que xa estaba especializada no cultivo dos amorodos e os feixóns. Na casa do meu pai sempre houbo produción hortícola. Xa cando el era pequeno se botaba fresa e íana vender ás casas da xente importante de Santiago e arredores. Na parroquia de Berres sempre houbo bos amorodos. Nun libro do legado da familia Valladares, que era unha familia de intelectuais moi importante aquí, dáse conta de que, xa no século XIX, había amorodos en Vilancosta. No caso da nosa familia, o meu irmán Ramiro e máis eu, que somos os que agora estamos á fronte, somos xa a terceira xeración.

—Que recordos ten dos seus inicios no oficio?

—No curso de capacitación que fixen daquela, con 18 ou 19 anos, eu era a única rapaza que había. Había moitos homes, algunha muller co-titular de explotación e moi pouca xente nova. Moza era eu a única. Entón o oficio tiña fama de ser moi escravo e non estaba ben visto.

—Que lle vía vostede que outros non lle vían?

—A min gústame plantar, ver como van medrando as cousas... Gústame tamén estar ao aire libre. Eu soa collendo amorodos na finca estou feliz. Valoro moito esa tranquilidade.

—É máis duro ca outros oficios?

—O campo tenche que gustar e non podes pretender ter horario de oficina. Un día escápanche as vacas e hai que ir a por elas e outro tes que traballar doce horas porque hai que recoller... O campo non ten horarios. Se vén mal tempo podes ter que estar tres días parada e despois traballar todo xunto. Non mandas ti, teste que adaptar ao que vén. Pero dentro diso tes outra liberdade que non se ten nunha oficina. E eu, desde logo, prefiro estar na finca ca na casa.

—Atopou algún atranco no seu traballo por ser muller?

—A verdade é que non. Ao principio houbo xente que me aconsellou que non me dedicara a isto, como suxerindo que podía facer algo mellor, como se o campo fora pouca cousa... Pero, en canto me metín, nunca tiven ningún problema, aínda que tamén é certo que sempre estiven moi respaldada polos meus pais e o meu irmán.

—Agora hai xente que está volvendo da cidade ao campo. Está máis valorada a profesión?

—O traballo no campo xa non é tan escravo como era hai cincuenta anos. Xa non o era cando eu me incorporei ao agro. Hai moita maquinaria, non se fai todo á man como se facía. Penso que agora a xente estalle dando máis valor ao campo e, aínda que haxa peches, tamén está habendo novas incorporacións.

«O que máis me gusta de estar na praza é ver como se valora a calidade do noso produto»

—Que cultivos traballan agora?

—Os principais son o amorodo e o feixón. Amorodos agora témolos oito meses ao ano, máis ou menos. Parámolos despois das festas do San Paio, porque a principios de xullo comeza a época do feixón. Podámolos e en setembro volven dar froito. Agora mesmo temos media hectárea en produción e imos preparar outra media hectárea de terra para plantar. Xa tiña que estar preparada, pero coas choivas deste inverno non se puido facer. Despois temos que preparar os invernadoiros e a finca dos feixóns. Se todo vai ben, sementaranse nun mes ou mes e medio. Esas son as nosas ideas, pero non mandamos nós.

—Que tal anda o sector?

—Agora coa suba do gasóleo... Antes levabamos unha tempada boa. Os meus pais sempre souberon abrirse camiño. A proba é que a mercancía non nos chega a nada, pero tampouco convén plantar máis polos problemas para atopar man de obra.

—De cara ao futuro, ten algún proxecto en mente?

—A idea é irse modernizando, pero, se así nos foi ben, non cambiaremos moito o esquema. Seguiremos coas nosas vaquiñas para ter esterco, porque á xudía nótaselle se leva esterco ou abono químico. Non é a mesma. E seguiremos combinando amorodos e feixóns con outros cultivos máis a pequena escala. Como tomate, pemento, leituga, grelos, chícharos, tirabeques... O ano pasado sementei por primeira vez faba asturiana e foi un éxito. Xa ía toda vendida para a praza. Gústame ter variedade porque sei que a xente o aprecia. E ademáis é un orgullo ter algo que facer todo o ano e ter apoios por se o amorodo ou o feixón vai mal.

—Que lle gusta máis, o traballo no campo ou a venda na praza de abastos?

—Gústame do xeito que o fago: dúas mañás na praza de abastos e o resto na finca. O que máis me gusta da praza é ver que a xente valora moito a calidade do que eu produzo. Ata o punto de que ás veces preguntan por algo e, se non é de produción propia, non o levan. Encántame esa confianza que teñen no noso.

—A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra acaba de concederlle un recoñecemento pola súa contribución ao avance da igualdade e o desenvolvemento social do territorio, como acolleu a nova?

—Non o esperaba, pero fíxome moita ilusión. Levo 21 anos cotizando e, para os que levamos toda a vida nesto, é un orgullo que nos recoñezan o traballo.