Aposta estradense pola formación dixital con ampla oferta para personas maiores
DEZA
O Concello da Estrada ofrecerá tres novos cursos gratuítos de formación dixital dentro do programa YoConecto, impulsado pola Fundación Cibervoluntarios e financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea, a través do Ministerio para a Transformación Dixital.
Trátase dunha iniciativa pensada para achegar o mundo dixital á veciñanza, con especial orientación cara as persoas maiores, buscando axudarlles a perderlle o medo á tecnoloxía.
As sesións serán moi prácticas e realizaranse en grupos reducidos, cunha metodoloxía sinxela e acompañada. Durante estes cursos as persoas participantes poderán aprender a realizar trámites coa administración (pedir cita no médico, descargar recibos ou solicitar axudas); empregar aplicacións útiles no seu día a día (caso de WhatsApp, mapas ou apps de saúde); realizar compras e operacións bancarias en liña de forma segura; falar por videochamada ou descubrir novas ferramentas para o lecer, a aprendizaxe e a comunicación.
As formacións impartiranse de xeito presencial na Casa da Música, en horario de 10.00 a 13.00 horas. Cada curso terá unha duración total de 12 horas, repartidas en catro sesións de tres horas.
O curso YoConecto L4, de Iniciación ao mundo dixital e dirixido a maiores de 18 anos, será os días 2, 4, 9 e 11 de decembro.
O curso YoConecto L1, sobre apps para xestionar trámites en Internet e dirixido a maiores de 60 anos, será os días 20, 22, 27 e 29 de xaneiro.
Por último, o curso YoConecto L1, sobre banca dixital e compras seguras en liña e dirixido a maiores de 60 anos, terá lugar os días 3, 5, 10 e 12 de marzo.
As persoas interesadas poden inscribirse tanto de xeito telemático como no departamento de Emprego e Orientación Laboral do Concello, na primeira planta do consistorio. Para ampliar esta información poden chamar ao 986 677 740.
Para o curso de decembro a data límite para inscribirse será o vindeiro xoves, 13 de novembro. Para o curso de xaneiro haberá que anotarse antes do día 2 dese mesmo mes e para o de marzo a inscrición pecha o 12 de febreiro. Para que a actividade poida realizarse é preciso contar con 10 persoas inscritas.