A nova directiva promoverá a cría en semiliberdade do coello e a creación dun tramo fluvial de pesca sen morte
02 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O concelleiro de Urbanismo, Industria e Comercio de Forcarei vén de acadar un novo cargo público. José González Picón foi proclamado presidente da Sociedade de Caza e Pesca de Forcarei ó non producirse impugnacións á súa candidatura, a única presentada no último proceso electoral aberto para renovar a directiva tras un primeiro intento frustrado por divisións internas.
-¿Considera superada a crise interna da sociedade?
-Está pendiente a presentación da documentación para facer oficial a saída da sociedade dos deportistas da zona da Estrada, pero xa se chegou a un acordo amistoso. A sociedade de Forcarei vai indemnizar ós cazadores que abandonan o Tecor con 18.000 euros e vaille devolver os seus terreos para que constitúan un Tecor novo propio. Esperamos que a próxima semana quede todo solucionado. Gustaríame facer público o meu agradecemento á anterior directiva, que botou un ano máis do que lle correspondía traballando como xunta xestora nunha situación moi delicada. Recibiron moitas críticas non xustificadas, porque non era fácil traballar co panorama que había.
-A toro pasado, ¿qué foi o que divideu ós deportistas de Forcarei e ós da Estrada?
-Non houbo entendemento. Non sei de quen foi a culpa, pero non o houbo. Penso que o maior problema foi que nunha zona non había caza e todos os cazadores se concentraron nunha área concreta. Non había caza suficiente no Tecor nin un reparto da caza equitativo. Hai xente que non ten vehículos para ir á caza e cando chegaba ó monte a pé xa atopaba alí cinco ou seis coches... Foi un desencontro entre socios de dúas zonas pola caza.
-Solucionado ese problema, ¿cales son os obxectivos máis inmediatos da sociedade de Forcarei?
-O primeiro vai ser completar os trámites para a separación e para quedar só no Tecor cos terreos e os deportistas de Forcarei. Despois imos modernizar os estatutos e promover a recuperación da caza menor. Imos tentar recuperar o monte, sobre todo o hábitat. Soltar coellos tampouco é o máis importante...
-¿Qué se vai facer para axudar á recuperación das especies para a caza menor?
-Temos pensado promover a cría en semiliberdade do coello. É moito mellor que as soltas, que a veces meten no monte animais con pestes. O coello criado en semiliberdade é un coello con garantías. Ademáis, económicamente tamén é rendable. Hai que facer unha inversión ó principio, pero é rendable. En canto ás perdices, temos pensado facer limpezas e sembrados de cereais para facilitar a súa recuperación. A perdiz precisa comida e zonas limpas.
-¿A caza maior non periga?
-Raposo e xabarín hai, aínda que tamén temos pensado sementar algunhas zonas con millo para o xabarín, para evitar que o animal baixe ós pobos e provoque danos nos cultivos ou que se alimente dos ovos das perdices ou das crías dos coellos. Este sistema xa se probou con éxito na Fonsagrada. Temos que copiar as cousas que funcionan.
-En canto á pesca, ¿está prevista algunha iniciativa?
-Ata agora os socios só de pesca non tiñan voto nas asambleas nin podían formar parte da directiva. Nós temos pensado cambiar iso e darlles presencia. Para empezar, na directiva eliximos como responsable de Pesca a José Cortizo, un socio que pode selo conforme ós estatutos actuais por ser cazador ademais de pescador. Alberto López será o encargado de coordinar a caza maior e Jorge Lesta a menor. Para a pesca tamén temos algunhas ideas. Tentaremos seguir co coto do Lérez e do Umia e crear un tramo de pesca sen morte, unha escola de pesca para nenos e unha zona de recuperación da troita.