Xornadas de divertimento

Amelia Ferreiroa

DEZA

Dezaoito minutos durará o espectáculo de fogo do domingo no que se usarán trescentos quilos de pólvora

18 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

As festas patronais de Lalín, na honra á Virxe das Dores, comenzan oficialmente ás nove desta noite co lanzamento do chupinazo que fará o alcalde José Crespo. «Unha tirada tradicional con nove bombas e unha colección de lucería coas que se dará o pistoletazo de inicio dos festexos», lembra Arturo Penide -xerente da empresa encargada das tiradas de fogos fixos e voadores-. Non faltará esta noite o primeiro concerto bandístico destes cinco días de festexos, que abrirá a Banda Xuvenil de Lalín, con actuación na Praza da Vila a partires das 21.30 horas. É, unha hora despois, comezará a primeira verbena coa orquestra Midas -que actuará no Campo da Feira- e ao fío das once da noite haberá concerto na Praza da Igrexa cos grupos 96 Grados e Rif-Raf.

Na xornada do sábado será cando realmente se comece a ollar a animación de rúa xa que dende as 10.30 da mañán haberá pasarrúas coas charangas Los Bercianos de León e Lenda Mandeu, de Lalín. A Banda de Música de Merza será a encargada do concerto, haberá actividades para os cativos dende as 18 horas e, pola noite, tocará a orquestra Foliada no Campo da Feira, e na Prza da Igrexa estará en concerto Sete Setenta de Vilagarcía e a Banda de Nash, que estivo nas Dores noutras ocasións. O domingo non faltarán os pasarrúas, a tradicional ofrenda á Virxe das Dores que fará o alcalde Crespo -que estará acompañado polo conselleiro Alfonso Rueda-, tocarán as orquestras Gran Parada e Philadelfia e ás doce da noite iniciarase o xa tradicional espectáculo de fogo fixo e voador, que será tirado dende o Agro de Lalín de Arriba -tal como xa se fixera o ano pasado-. Para Arturo Penide trátase dun óptimo emprazamento. «O público pode ver moi ben o espectáculo. O deste ano durará dezaoito minutos e que se fixen ben nas candelas e nas carcasas, que haberá novidades como tentamos traer todos os anos a Lalín que é un pobo ao que eu lle teño moito aprecio e afecto. Son moitos os anos que levamos facendo as tiradas aí». Dende as once da mañán cinco traballadores da empresa, baixo a supervisión de Arturo, se encargarán de colocar a tirada.

E, para o luns, concertos das bandas de Vilatuxe e Muimenta e das orquestras Costa Oeste e Cinema. Olympus, París de Noia e América serán as tres formacións encargadas de fechas as festas o martes. Unha xornada na que a Banda de Bandeira ofrecerá concerto ao mediodía e pola noite e na que é salientable a chegada das charangas Nordeste e Padre Apeles.