En directo | Celebración do Día das Letras Galegas A editorial estradense Fervenza aproveitou o 17 de maio para darlle un pulo ó teatro local coa presentación de catorce textos dramáticos dentro da colección A Pinguela
17 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A Estrada celebrou onte o Día das Letras cun bo feixe de actos culturais que comezaron de mañá, coa ofrenda floral ante o monolito dos xardíns municipais dedicado ó escritor estradense Marcial Valladares. A ofrenda estivo protagonizada polo alcalde estradense, Ramón Campos; o concelleiro de Cultura, Xosé Manuel Reboredo, e o recén reelixido presidente do PP local, Xesús Palmou, que cada vez asume maior protagonismo na escena local. A homenaxe floral -nun parterre enlucido para a ocasión- estivo precedida por outra literaria con pequenos problemas de son. No seu discurso, o normalizador lingüístico do Concello, Valentín García, lembrou a riqueza literaria da comarca e animando ós estradenses a coidar a lingua galega día a día. «Hoxe temos un galego respectado, potenciado coma nunca, pero tamén é certo que temos un galego menos falado ca nunca», advertiu. O acto nos xardíns rematou coa interpretación do Himno galego por parte da Banda de Gaitas de Barbude, que de seguido lle puxo música a unha escolla de pezas de danza tradicional. Pola tarde, a choiva non foi quen de ensombrecer as actividades programadas no teatro Principal. A editorial estradense Fervenza aprovitou a data para presentar catroce novas obras publicadas dentro da súa colección de teatro A Pinguela, que xa suma medio cento de títulos, con propostas para tódolos xéneros e para tódolos públicos. A presentación rematou tamén coa interpretación do Himno galego , nesta ocasión a cargo do poeta-gaiteiro Xosé Couceiro Bugallo. O acto pechouno o actor Gonzalo Valcárcel coa representación do monólogo Sobre os males que produce o tabaco . Só á noitiña, despois de ben celebrado o 17, os estradenses recolléronse nos bares dispostos a celebrar o outro acontecemento do día: a final da Champions League.