A primeira derrota en casa, ante o modesto Xove, acende a luz vermella no equipo de Mosquera O cadro roxinegro só sumou once dos 27 puntos en xogo e ten o segundo peor ataque da categoría
27 oct 2003 . Actualizado a las 06:00 h.Unha luz vermella comezou a alumear o pasado domingo no vestiario do Club Deportivo Lalín. O Xove Lago, en plena crise deportiva e institucional, foi quen de por fin á imbatibilidade do cadro roxinegro no Cortizo. Imbatibilidade que este último só conseguíu defender en catro partidos. Este suceso aparentemente puntual ten, alomenos en principio, unha lectura preocupante. E é que para un equipo cun único punto sumado fóra da casa era fundamental poder ver o seu campo coma un graneiro de aprovisionamento seguro. Pero este non é, por desgracia nin moito menos, o único dato pesimista na traxectoria do C.D. Lalín nestas nove primeiras xornadas de Liga. De feito, varios son os lunares que saltan á vista no currículo do plantel dirixido por José Luis Mosquera. O primeiro deles, os puntos colleitados ata o momento. Once dos 27 posibles, é dicir, o 40,74%. En tan pouco tempo, o Lalín ve xa o liderato a dez puntos de desvetanxa, e a cuarta e última praza para a promoción de ascenso, a seis. Boa parte desta situación hai que buscala no mal endémico do conxunto dezao, a súa falta de capacidade goleadora. Seis tantos, 0,67 por partido, convirten o ataque roxinegro no segundo peor da categoría, ó mesmo nivel có do colista, o Arousa, e só mellor có do Sporting Guardés, penúltimo da táboa con 5 puntos. A sombra de Felipe amósase cada vez máis alongada, sen substituto nun plantel no que nin un só xogador repetíu ata o de agora como goleador. Enrique, Guerreiro, Charly, Jordán, Germán e Torres son os pichichis . Consecuencia directa deste défice goleador son as cinco xornadas nas que o Lalín non foi quen sequera de marcar, co agravante de acumular tres delas nas catro últimas semanas. Ademais, xa conta con máis derrotas (4) cá triunfos (3), sen ser quen de encadear nin dous destes últimos. A única alegría proporcionada polas estatísticas do cadro de Mosquera é o apartado defensivo, ó dispor da terceira mellor zaga do campionato con sete goles en contra, os mesmos có Cerceda e tan só un máis có Compostela B e có Portonovo. En definitiva, un panorama desalentador que esixe unha pronta viraxe se o que se pretende é seguir mantendo a promoción como obxectivo.