Cun tanto cada 70 minutos, Iago Cruña impulsa ao seu equipo en Primeira Futgal e deixa atrás a grave lesión que sufriu tras o ostracismo no Viveiro
08 oct 2026 . Actualizado a las 20:23 h.Referencia absoluta na súa vila con 17 goles na última campaña no Atleti Lourenzá, Iago Cruña Gacio (Lourenzá, 2000) saltou ao Viveiro no verán do 2025 para probar o seu fútbol na Terceira Federación. Farto de agardar unha oportunidade que nunca chegou, pronto volveu á Primeira Futgal para reforzar ao Ribadeo, pero só cinco partidos puido xogar antes de que unha fractura de Maissonnueve —de peroné con desprazamento de nocello— o mandase ao quirófano. «Foi un ano psicoloxicamente moi duro. Nunca tivera unha lesión tan grave. No Lourenzá xogábao todo e nunca tiña problemas musculares nin nada», admite un dianteiro zurdo que se operou o 25 de novembro, reapareceu con limitacións nas últimas semanas do 2025-2026 e recupera as sensacións a base de goles.
«Volvín para a final da Copa Deputación», recorda un laurentino que xogou 21 minutos nese 1-1 contra o Guntín no vilalbés estadio de A Magdalena e incluso acertou no penalti morte súbita que condenou aos mariñáns. «Agora síntome moito mellor, pero aínda estou lonxe do 100 %. Non teño dor, pero, cando fago moito esforzo, incháseme. Por agoa, non aguanto un partido enteiro», destaca un home decisivo malia a que Dani Moirón lle dosifica, polo momento, os minutos.
Na estrea do curso disputou 18 no 0-0 contra o Cire de Melide e unha semana máis tarde 23 bastáronlle para marcar na vitoria 2-4 contra o Chantada Atlético. Gozou da súa primeira titularidade e de 72 minutos con outro gol no 4-1 ao Brollón e tras xogar 32 na derrota 2-0 contra o Racing Vilalbés volveu ao once e aportou outro tanto e 66 minutos de traballo no 2-0 ao Foz no Pepe Barrera. En total, tres goles en apenas 210 minutos; un cada 70.
Cruña estivo rápido e certeiro para aproveitar un rexeite do porteiro Xabi na acción que comezou a desnivel un intenso derbi comarcal o domingo no Pepe Barrera. «Foi un encontro moi complicado. Puidéronnos empatar perfectamente, pero traballamos ben e tivemos certa dose de sorte», explica.
Co obxectivo de estar arriba
«O obxectivo é seguir gañando. Agora temos un partido moi complicado en Santaballa (domingo, 17 horas), pero para loitar polo ascenso temos que ser moi regulares», razoa un home talismán para o Ribadeo: os seus tres goles significaron vitorias. «Somos un dos candidatos e iso fai que os rivais veñan cun extra de motivación, e máis no Pepe Barrera, que é un estadio de Terceira, pero temos que seguir ao noso, traballando duro», reflexiona un Iago Cruña que iguala ao canteirán Óscar Izquierdo con tres acertos como o máximo goleador dun Ribadeo cuarto clasificado no grupo 3 de Primeira Futgal con dez puntos en cinco xornadas.
Abrirá pronto unha sección de roupa de fútbol retro en Armario Vintaia, en Burela
Apaixonado polo fútbol e a súa estética, Iago Cruña rastrexa e comercializa desde hai tempo pezas de roupa vintage. Pronto poderán adquirirse en Armario Vintaia, na rúa Rosalía de Castro en Burela. «Vou ter unha sección na tenda con camisetas, suadoiros e chaquetas de clubs, seleccións e tempadas moi diversas, tamén con tallas de nenos e a prezos accesibles. Haberá bastante de clubs galegos», conta o dianteiro do Ribadeo.