A Xunta protexerá os itinerarios culturais más aló do Camiño

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O popular artista Diego As, en novembro do 2023, realizando un mural na fachada lateral dun inmoble no concello lugués de Becerreá que fai alusión á Vía Künig.
O popular artista Diego As, en novembro do 2023, realizando un mural na fachada lateral dun inmoble no concello lugués de Becerreá que fai alusión á Vía Künig. CRISTINA CASTRO

Desenvolve unha nova figura, xa presente en Europa, que adquirirán de momento oito rutas en Galicia

31 dic 2025 . Actualizado a las 16:58 h.

Galicia está cosida por percorridos que unen valores patrimoniais, paisaxísticos e naturais, fíos cos que bordar a imaxe de calidade coa que proxectarse no exterior. Varios cumpren unha serie de requisitos, os que esixe a Lei de Patrimonio Cultural, para levar a distinción de Camiño de Santiago. Pero que acontece cos que aínda que non reúnen todas as condicións e deben ser protexidos?

A partir do 1 de xaneiro, a Xunta porá en marcha unha nova figura para recoñecer itinerarios culturais de interese autonómico, unha tipoloxía que permitirá poñer en valor rutas que deben contar cunha especial atención por parte das administracións públicas. Así o explicaba o conselleiro de Cultura, José López Campos, ao inicio dunha reunión con representantes municipais de toda Galicia para explicar en que consistirá esta nova figura, a dos itinerarios culturais de interese autonómico.

«Van ter unha regulación e promoción específicas e tamén unha serie de axudas para as entidades que estiveron traballando no recoñecemento destes itinerarios» que lles permitirán avanzar na sinalización e homoxeneización destas rutas e, sobre todo «crear un relato que nos permita poñelas en valor», salientaba López Campos, para avanzar na dinamización económica e turística do territorio.

Xa hai validados oito itinerarios culturais, rutas definidas, estudadas e avaladas por antecedentes históricos. Son as de Geira ou dos Arrieiros, o de Muxía por Brandomil, o do Mar, o de Mariñán, o Miñoto Ribeiro, o de Muros-Noia, o de San Rosendo, e a Vía Künig. A partir deste momento, ábrese a oportunidade para que soliciten a protección baixo esta nova figura. A nova categoría de protección debe agora ser desenvolvida a través dun decreto, que fixará as medidas específicas de protección, divulgación e apoio para estas rutas, que xa están en marcha en Europa. De feito, hai 48 itinerarios recoñecidos pola xeografía europea. O obxectivo é que «Galicia tamén se xa un referente nesa materia», afirmaba López Campos.

A tipoloxía de protección nace ao abeiro da modificación da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia feita a través da Lei de acompañamento aos Orzamentos do 2026. Preguntado pola modificación da Lei de Patrimonio cultural que tamén acompaña os orzamentos, o conselleiro recalcou que todos os elementos que teñen un especial valor arqueolóxico, arquitectónico e que pertenzan á Igrexa serán informados pola Xunta. Para os que teñen menor nivel de protección van buscar a colaboración dos concellos e no caso de obras menores pasarán a trámite municipal, pero a Xunta terá deber de tutela. «Esta non é unha lei que desprotexa o patrimonio», subliñou López Campos.