A primeira referencia a unha estrela azul chegoume a través do cantautor cubano Pablo Milanés e o seu poema-canción Yo no te pido. Esta fermosa balada concíbese como unha declaración de amor que prima a sinxeleza e a autenticidade das relacións de parella, rexeitando os grandes xestos e as promesas imposibles. Nunha das súas estrofas: «Yo no te pido que me bajes una estrella azul, solo te pido que mi espacio llenes con tu luz», demostra que a estrela era, orixinalmente, unha metáfora da inalcanzable grandiosidade fronte á luz da sinxela verdade humana. Porén, alén da lírica de Pablo, dende hai un tempo volvo escoitar con insistencia a referencia á estrela azul. Como seguidor das escrituras dos indios Hopi —unha das tribos norteamericanas máis antigas, ricas en espiritualidade e asentada en Arizona—, detecto referencias que traen de volta o seu simbolismo cósmico. Os Hopi describen nos seus mitos que a humanidade transita por diferentes «mundos». Segundo a súa cosmovisión, atopámonos actualmente no Cuarto Mundo, un ciclo a piques de esgotarse. A chegada e o paso a un Quinto Mundo, máis harmonioso, será anunciado por un evento celestial: a aparición ou o avistamento dunha estrela azul. Esta profecía é unha advertencia inminente do tempo de cambio. A casualidade asómbranos cando nos decatamos de que nestes días, os ceos do sistema solar están a ser sucados por un obxecto interestelar atípico coñecido como 3I/Atlas. Este obxecto, tras achegarse ao Sol cun comportamento anómalo e difícil de explicar pola ciencia, virou sorprendentemente a unha tonalidade azulada (unha cor tecnicamente atribuída ao seu espectro de luz). Aínda que non son de crer en profecías milenaristas, resulta unha asombrosa coincidencia que un obxecto destas características, que atrae a atención de todos os científicos, visite o noso sistema xusto nun momento tan decisivo para o futuro do planeta. O que comezou como unha metáfora de amor en Milanés, convértese agora nun posible presaxio cósmico, unindo a poesía coas profecías máis antigas. A estrela azul, xa sexa o anuncio do Quinto Mundo Hopi ou un fenómeno astronómico, brilla hoxe máis ca nunca no noso imaxinario colectivo.