Dimite o director do Museo do Pobo Galego ante a «falta de recursos e medios»
CULTURA
O consello de goberno da institución asumirá temporalmente o mando da entidade, que o antropólogo Lois Ladra dirixía dende outubro do 2024
07 nov 2025 . Actualizado a las 22:03 h.O ata agora director do Museo do Pobo Galego, o antropólogo e arqueólogo Lois Ladra (A Coruña, 1972), renunciou este xoves ao seu cargo ante a «imposibilidade de implementar o programa de actuación» que propuxera para o desenvolvemento da institución cando asumiu a súa dirección en outubro do 2024. Non obstante, esta dimisión, aclara a presidenta do padroado do propio museo, Concha Losada, resolveuse de «mutuo acordo» e produciuse sen «máis incidencias». «É unha cuestión acordada en función dos mellores intereses para a entidade», incide Losada.
Pola súa parte, Ladra apunta á «falta de recursos e de medios» que padecía para explicar a súa inesperada renuncia, acontecida apenas un ano despois de asumir o cargo. «As ideas estaban bastante claras, pero sen recursos económicos e sen persoal non é posible desenvolvelas», lamenta o xa exdirector do museo dedicado a preservar e difundir a cultura e a historia galegas. «Por poñer un exemplo, o Museo Provincial de Pontevedra conta con 80 traballadores, e o de Lugo con 40. En cambio, o Museo do Pobo non chega aos 20», sinala Ladra. «Nin sequera hai un restaurador, que é unha figura clave. A maior parte das pezas do museo son madeiras ou vimbios, é dicir, materiais perecedoiros, polo que fai falta un plan de conservación preventiva», expón o exdirector.
Pero o antropólogo coruñés tamén fai algo de autocrítica e considera que «quizais o proxecto inicial era demasiado ambicioso e habería que redimensionalo». Entre as liñas mestras dese programa destacaban ideas como «intentar facer da entidade un verdadeiro museo do país, reforzar os vencellos con Portugal e convertela na cabeceira dos museos antropolóxicos de Galicia». Unha serie de obxectivos para os que «fan falta recursos», subliña.
O relevo, aínda por decidir
Despois da dimisión de Ladra, será o consello de goberno do Museo do Pobo Galego quen asuma temporalmente as funcións da dirección ata a convocatoria da asemblea ordinaria de socios, que terá lugar o próximo 20 de decembro. «Poderiamos convocar unha reunión urxente do padroado, pero tendo a ordinaria tan cerca só gañariamos 15 días de marxe como moito», explica Losada, quen admite que, ata o de agora, non soa ningún nome para substituír ao dimisionario. «De momento non temos nada en absoluto», insiste.
En canto á xestión de Ladra á fronte do museo, Losada —quen asumiu a presidencia da institución no 2022 en substitución do historiador Justo Beramendi— prefire non facer valoracións. «Gustaríame esperar ata decembro, cando temos a asemblea, para ofrecer un balance definitivo, que aínda está por facer», explica. Así con todo, a presidenta do padroado apunta que «moitos proxectos si saíron adiante», entre os que destaca unha exposición sobre Castelao ou algúns ciclos de conferencias, pero, «como todos os anos —matiza—, hai cousas de interese e outras de menos».
Tamén Ladra resalta a exposición sobre Castelao, de quen este ano se cumpre o 75.º aniversario do seu pasamento, como un dos fitos acadados durante a súa etapa á fronte do museo, e lembra outras mostras sobre Rosalía de Castro, Isaac Díaz Pardo ou as cantareiras, ás que se dedicou o Día das Letras Galegas deste ano. «Cada proxecto ten o seu mérito», estima o antropólogo.