Os gañadores do Pura e Dora Vázquez instan aos mozos a crear

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Detalle da cerimonia de entrega do premio Pura e Dora Vázquez.
Detalle da cerimonia de entrega do premio Pura e Dora Vázquez. Santi M. Amil

Antonio Yáñez Casal e Fernando Díaz Mirón recolleron o premio

27 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A cerimonia de entrega do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez, que convoca a Deputación de Ourense, desprazouse ata o IES Julio Prieto Nespereira —na propia cidade— para achegarlles aos mozos o valor da creación no sentido más amplo. O autor galego Antonio Yáñez Casal (Ferrol, 1959) foi o galardoado na categoría de narración, e o andaluz residente en Allariz Fernando Díaz Mirón (Sevilla, 1976) levou o premio da ilustración. Este último, polos debuxos que fixo para o texto do libro escrito polo primeiro e titulado Unha tenda azul cobalto.

«Deixando a un lado os valores literarios dun determinado libro, para min hai algo importante neles: que pertenzan ao sistema literario galego, que sexan da literatura galega, que contribúan a engrandecer a nosa cultura. Se me permitides, quería animarvos a crear, cada un como lle pareza, na literatura, na música, no baile... Para facelo hai que ter paciencia e constancia, pero é un esforzo que paga a pena. E, se creamos para a cultura galega, mellor que mellor». Desta maneira faloulle Yáñez Casal ao auditorio, composto na súa maioría por rapaces do instituto. O autor das ilustracións, Díaz Mirón, discursou no mesmo ton: «Este recoñecemento non é só un incentivo persoal, senón un compromiso para seguir traballando con paixón e rigor. Anímovos a crear, polo camiño que teñades á vosa man, xa sexa con pintura, debuxo ou fotografía».

O vicepresidente da Deputación, César Fernández, foi o encargado de dirixir o acto e tivo un recordo especial para as dúas irmás ourensás que lle dan nome ao galardón. «Este premio ten unha dobre finalidade. Por unha banda, recoñecer o talento de persoas que se dedican a crear no ámbito da literatura e da ilustración. E, por outro, recoñecer a figura destas insignes ourensás que son Pura e Dora Vázquez, pioneiras na creación infantil e xuvenil en galego», enxalzou.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis Menor, destacou que a actividade cultural debe ser un obxectivo clarísimo das institucións. «A calidade das obras que se presentan é cada vez mellor. Para a Deputación, o acceso á cultura, e sinaladamente á galega, forma parte do seu ADN. Nós non renunciamos cando hai outras institucións que o fan. A Deputación sempre foi cultura e ten que estar ao lado dela».

Do texto de Yáñez Casal, o xurado destacou a súa orixinalidade e o rompedor da súa temática; ademais, subliñou, posúe unha linguaxe e un estilo coidados, e favorece a transmisión de valores necesarios como o traballo en equipo e a perseveranza. Das ilustracións de Díaz Mirón sinalou que captan moi ben os momentos da narración, e nelas obsérvase con moito detalle a man do autor.

A contía dos premios, para a narración e para a ilustración, é de 3.000 euros.