Falece García-Bodaño, voz anovadora da xeración dos 50

G. Novás LA VOZ

CULTURA

García-Bodaño, na homenaxe que a RAG lle rendeu no Día Mundial da Poesía do 2019.
García-Bodaño, na homenaxe que a RAG lle rendeu no Día Mundial da Poesía do 2019. César Quian

A súa poesía intimista abrollou en Galicia nun momento en que predominaba a temática social

08 mar 2023 . Actualizado a las 14:50 h.

«Teño desexos de grandes cousas. Aspiro a colaborar na Academia e que a cultura galega alcance plenitudes. Meu escudo heráldico puidera ser un carballo con este lema: Liberdade. Quero luz, moita luz, sol; e vitaminas. Son barroco, é irremediable, e á vez introvertido. A miña virtude maior quizais sexa a resistencia e o meu defecto, a susceptibilidade; como hobby, xa ves, os navíos...». Así se amosaba Salvador García-Bodaño na Voz de Galicia, nunha entrevista co xornalista Carlos García Bayón, en novembro de 1991, pouco despois de ser proposto para o seu ingreso na Real Academia Galega por Constantino García —«exemplo de investigador e amor a Galicia»—, Fraguas —«¡oh, Fraguas!, a sabedoría na humildade»— e Carlos Casares —«exquisito en todo»— para cubrir a vacante que deixara o seu admirado Ramón Piñeiro, de quen enxalzaba os seus parladoiros: «Alí recibín as ensinanzas cardinais da miña vida. Foi o gran pensador activo de Galicia. Recordo as súas mans modelando no ar o pensamento. Que triste que Galicia, cando tantas cousas cambiaron, aínda sexa agro de retóricos e bandallos! Xamais concibiu Piñeiro o nacionalismo como violencia!». Daquela, Casares deulle a benvida ao académico na súa resposta ao discurso de ingreso: «É un home consagrado á poesía, xénero que non estaba representado na Academia desde o pasamento de Eduardo Moreiras, o último dos vates que habitaron entre nós».

Un poeta chegaba á rúa Tabernas pero a súa meta no labor que de seguido ía comezar era acadar «unha Galicia viva, actual, actuante, auténtica, universal. Sen conciencia de estirpe, lingua e cultura —proclamaba—, nada é posible. ¡Ese orgullo de ser galego!». Máis de dez anos despois, no 2002, redactou unha manda testamentaria para un libro colectivo promovido pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística na que facía unha petición a «todos cantos saiban desta carta de manda e vontade postremeira»: «Por termos recibido dos nosos devanceiros a entrañable herdanza da nosa fala, a empreguen entre si na súa vida cotiá e nos seus escritos, e que defendan e acrecenten o valioso caudal da cultura galega e das nosas mellores tradicións, para legalas, pola súa vez, ós seus sucesores».

Nunca deu por cumprido o obxectivo ao que dedicou a súa vida e ata, co seu fino e retranqueiro humor, víase na despedida insistindo naquel desexo de dignidade para a lingua que o movía desde sempre. Porque desa loita fixo bandeira incluso nas horas de chumbo. Soubo —deixou dito o seu compañeiro de xeración e tamén académico Arcadio López-Casanova (finado o ano pasado)—, «coma poucos, erguer a voz e, en tempos ben miserentos, facer do canto un abeiro liberador, autentificador». A poesía foi a súa ferramenta primeira nesta empresa da paciencia e en poucas ocasións recompensada. Foi en Santiago, a cidade na que se criou, onde construíu o seu espazo vital e literario —ata atopar o seu refuxio no Casal das Figueiras, do lugar de Veitureira, na parroquia de Lampai, en Teo—. En Compostela, mentres estudaba Dereito, deuse a coñecer. Xa en 1959 foi galardoado cos primeiros premios en lingua galega e en castelán no certame universitario estatal celebrado polas restauradas Festas Minervais, xustas poéticas nas que recibiría outros premios.

Anos despois confirmaríase como un dos bardos máis valiosos co seu primeiro libro, Ao pé de cada hora (Galaxia, 1967). Nun momento en que a temática social predominaba, agromou «un poemario singular que emanaba o marcado intimismo que caracterizaría a súa produción», lembra a RAG. Nestas páxinas confluían xa o existencialismo e o galeguismo, dúas correntes fundamentais que marcaron unha traxectoria poética que centrou no amor á terra, á Galicia que lle deu nome ao poema que abre o volume; e o amor feminino, expresado dun xeito moi persoal.

De produción moi reflexiva e espazada nas publicacións, entre libro e libro colaborou en revistas e distintos volumes, mantivo unha intensa produción xornalística, cultivou a tradución e foi un destacado activista cultural dende os anos escuros da ditadura, nos que non fuxiu da participación e o compromiso políticos.

Como membro da RAG, foi vicesecretario da institución durante a presidencia de Xosé Ramón Barreiro (2001-2009).

García-Bodaño faleceu este martes en Teo aos 87 anos.

Compostela

Un decenio despois de Ao pé de cada hora chegou Tempo de Compostela (1978), recoñecido co Premio da Crítica de Poesía Galega. Desta volta a protagonista era o seu terceiro elemento de atención poética, Santiago, retratada cun alento entre épico e lírico que constituíu unha auténtica novidade na literatura dedicada á histórica cidade. A este espazo vital esencial dedicoulle tamén o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá (1992), e a propia institución salientou o protagonismo da cidade na súa vida e obra na publicación que editou co gallo do Día da Poesía do 2019 que lle dedicou baixo o título Horas de Compostela.

Santiago é tamén o escenario da súa principal incursión na narrativa, o conxunto de relatos Os misterios de monsieur D'Allier (Galaxia, 1992), Premio da Crítica Española de narración en lingua galega en 1993. Ese mesmo ano, a súa poesía publicada ata o momento foi recompilada en Obra poética (Espiral Maior), volume que incorporou ademais un cancioneiro inédito, Poemas de amor a Xulia, e poemas soltos recuperados baixo o título As palabras e os días. O primeiro constitúe «unha confesión luminosa dun home feito que atopou a calma namorada tantas veces presentida e tantas veces negada», sotivo o crítico literario Basilio Losada; mentres que n'As palabras e os días sobresaen os poemas que dedicou en homenaxe a figuras senlleiras da cultura galega, dende Rosalía e Otero Pedrayo a Maside, Fermín Penzol ou Francisco Fernández del Riego.

Neses anos, García-Bodaño, sen abandonar a poesía intimista, lembra a RAG, experimentou nunha liña distinta de carácter urbano e irónico que deu a coñecer na plaquette Pegadas no alcatrán (Boletín Galego de Literatura, 1994), que preludiaba a altura e modernidade poética alcanzados co seu anovador Cidade virtual (Biblos, 2003).

O diálogo coa arte foi outra vertente notable da obra poética dun home con gran formación plástica, expresado en títulos como 37 debuxos para un país (Ediciós do Castro, 1985), unha colección de breves poemas en prosa que acompañan a obra gráfica de Felipe Criado; e Compostela (1989), con gravados de Alfonso Costa; ou o propio poemario Cidade virtual, no que acompañou os verso con ilustracións da súa propia autoría. 

Os seus poemas foron traducidos ao inglés, italiano, francés, ruso, sueco, catalán e árabe e aparecen recollidos nas máis sobranceiras antoloxías da lírica contemporánea de Galicia.

Tradución, crítica e xornalismo

Alén da creación literaria,  Salvador García-Bodaño cultivou ademais a tradución, vertendo ao galego títulos como Viaxe por Galicia (Xerais, 1993), sobre as páxinas que George Borrow dedicou a Galicia no seu The Bible in Spain (1843); e exerceu a crítica literaria, a crítica de arte e o xénero biográfico profundando na obra e mais na vida de autores como Avilés de Taramancos, Maside, Xaime Quessada, Luís Seoane, Rafael Dieste ou Xesús Corredoira. 

A relación coa prensa foi outra constante na súa traxectoria. Colaborou tamén coa posta en marcha de Teima. Revista galega de información xeral (1976-1977) e publicou colaboracións noutras cabeceiras como La Voz de Galicia.

Promotor do Grupo O Galo e do Partido Socialista Galego, participou no Día das Letras fundacional

Salvador García-Bodaño era consciente da súa achega anovadora á poesía galega: «Propúxenme romper coas barreiras da poesía tradicional, que foi algo habitual na miña xeración, a dos 50, na que a característica común foi romper co formalismo da tradición, abrirse á universalidade, facer cousas novas. Non había unha estética común, e cada un foi polo seu lado, abriu camiños distintos. Eu escollín o dunha poesía intimista de signo amoroso, na que a muller tomaba un papel importantísimo na existencia, un complemento existencial do home como ser humano. Non fun dos que se deixou angustiar polo seu eu dramático. Hai un fondo dese tempo, pero non caín duramente no que se chamou Escola da terra». Con esa consciencia se diferenciou o escritor vigués afincado en Santiago, que arrombou os seus estudos de avogacía para gran desgusto paterno, de entre unha manda de coetáneos que deixou grandes nomes para as letras galegas como Ferrín, López-Casanova, Bernardino Graña, Novoneyra, Avilés de Taramancos e Manuel María.

En Compostela desenvolveu unha fecunda actividade cultural, política e literaria. Ao redor do desaparecido Café Español estableceu amizade cos mozos que se interesaban por afondar no coñecemento dos valores culturais e históricos de Galicia. En 1960 toma parte na homenaxe do primeiro cabodano celebrado no paraninfo en memoria de Ramón Cabanillas, cunha lectura de poemas xunto a Aquilino Iglesia Alvariño e Novoneyra. A comezos de 1961 cofundou o Grupo O Galo, que, de par de tentar indagar nas vangardas do contexto cultural universal, illado pola censura do réxime, lembra a RAG, se converteu na Asociación Cultural O Galo, pioneira de todas cantas en Galicia se dedicarían despois a espallar a lingua e a cultura, e mesmo a memoria histórica.

Entre outros actos xa históricos, baixo a ditadura, participou na celebración do primeiro Día das Letras Galegas (1963), no salón artesoado de Fonseca, nun recital con Xohana Torres, López-Casanova e Casares. Nese mesmo ano formou parte do núcleo promotor do Partido Socialista Galego (PSG), do que foi secretario de información e propaganda (nas eleccións de 1977), ata que tres anos máis tarde deixou toda actividade política partidista, «manténdose sempre fiel ás teses do nacionalismo galeguista, progresista e democrático, de base europeísta, solidariamente aberto ás outras nacións e culturas do mundo», sinala a Academia.