A botella de Martín Códax que lembra o centenario de Díaz Pardo

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A etiqueta conmemoria o centenario de Isaac Díaz Pardo
A etiqueta conmemoria o centenario de Isaac Díaz Pardo martín códax

A adega fai unha edición especial do seu albariño na honra do intelectual

24 jul 2020 . Actualizado a las 18:29 h.

Cen anos hai xa que Santiago de Compostela viu nacer a Isaac Díaz Pardo, intelectual galeguista, pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario galego. E a efeméride non é destas que deba pasar inadvertida. O fundador da fábrica de Sargadelos ben merece o recoñecemento que a pasada fin de semana lle profesaron grandes nomes da cerámica, da pintura e da escrita galega a través de Ensambleisaac, unha exposición permanente que está aberta no museo do Castelo de Santa Cruz, en Oleiros. E ben merece tamén o seu propio viño, o albariño de Martín Códax que cede o protagonismo do pergamiño Vindel, que tradicionalmente ilustra a etiqueta do seu Rías Baixas, a un retrato do intelectual obra do pintor Paco Díaz. É unha edición especial e limitada.

Martín Códax é tamén o nome do trobador máis antigo de Galicia, e por iso a adega non podía quedar ao marxe do recoñecemento a outro ilustre galego, Isaac Díaz Pardo. Só unha figura coa súa traxectoria podería substituír ao pergamiño Vindel, que ilustra dende sempre as botellas deste Rías Baixas coma unha homenaxe á toda a cultura galega e a súa música. Cunha edición moi especial e limitada deste albariño, que poderá mercarse en diferentes puntos de Galicia e na propia tenda da adega, Martín Códax súmase á homenaxe que supón Ensableisaac, unha conxunción conceptual de obras individuais aportadas desde mundos tan diversos como a cerámica, a literatura, as artes plásticas, a música... facetas imprescindibles para construír a síntese da figura do mestre. E o fai dedicándolle a portada do seu buque insignia, do albariño do trobador galego que, durante un tempo, será o viño do intelectual, do empresario, do ceramista. Ese ao que no debemos esquecer nunca, aínda que pasen xa cen anos desde o seu nacemento.