Creadores de esperanza en días difíciles

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Imaxe da feira do libro da Coruña na súa edición do ano pasado
Imaxe da feira do libro da Coruña na súa edición do ano pasado PEDRO MACEIRA

A celebración do 23 de abril atopa o sector do libro na encrucillada entre o crucial do seu labor e a incerteza que da súa situación actual e os vindeiros meses do 2020

27 abr 2020 . Actualizado a las 10:15 h.

O 23 de abril é unha data simbólica e de celebración para todos os achegados ao libro: visibiliza o seu papel cultural e supón unha parte importante dos números no eido económico do sector. Os elos que forman a cadea do libro tamén se viron afectados pola crise do coronavirus, con efectos que van do peche de librerías á redución da actividade das editoras, do incremento do préstamo de obras dixitais ás iniciativas de espallamento e difusión da literatura pola súa capacidade para conforto. Cruz e cara dunha mesma moeda. E é a moeda a fonte actual de incerteza que paira sobre o sector. Cun Día do Libro virtual, as Letras Galegas adiadas e moitas dúbidas sobre as cruciais feiras do verán, hai motivos sobrados para a preocupación e a necesidade de medidas paliativas e correctoras. 

Autores

Saúde. «Non estamos en primeira liña de perigo, como os traballadores sanitarios, pero si contribuímos á saúde psico-social», argumenta o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias. Os libros están sendo conforto para moitos e arredor deles organízanse todo tipo de actividades na Rede, o que leva a Sánchez Iglesias a falar dos autores como «creadores de esperanza nestes momentos duros». Porén, lembra que a escrita é unha actividade de precariedade laboral para a gran maioría dos que a cultivan e avoga por estimulala con axudas: «A cultura é un traballo e necesita apoios para volver con forza». O presidente da AELG tamén propón medidas na mesma liña: que o investimento público en cultura chegue ao 2 % do PIB, que se reformule o Xacobeo, unha consellería específica para o sector e non compartida con turismo, bonos para a merca de libros e apoio á rede de bibliotecas. Pola súa banda, o presidente do PEN Club galego, Luís G. Tosar, subliña que os escritores son os que dotan de expresión ás vivencias individuais e colectivas e cre que cómpre un «rearme moral» para abordar unha das peores crises, caracterizada polo impredicible. 

Editoras

Frustración. É a palabra que máis repite e mellor resume o que sente o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. Os días do libro e mais das Letras Galegas son dúas datas clave para o sector, pero, coas librerías pechadas, «a falta de contacto co público é moi frustrante». Son moitas as novidades editoriais que quedaron nunha especie de limbo, ao que se suma a incerteza dos vindeiros meses. «A clave son as librarías», resume Castro. E saber que pasará coas feiras do verán. «As recomendacións sanitarias están a redefinir o concepto de multitude. Nós, nos actos literarios, queremos que vaia o maior número posible de persoas, pero iso entra en conflito coa prevención de contaxios», engade. Xosé Ballesteros, director de Kalandraka e actualmente á fronte da Asociación Galega de Editoras, convida a celebrar o Día do Libro o 31 de xullo, segundo a proposta catalá, «se é que ao final pode facerse nesa data». «E despois? Dependerá da demanda, das ganas que teña a sociedade de mercar o que non puido mercar nestes días», anticipa. Nesa liña, cre necesaria unha implicación administrativa que fomente esas adquisicións -con bonolibros- e o fornecemento de bibliotecas. «E alí onde non as hai públicas, que as escolares abran no verán», propón. «As sociedades lectoras son máis felices. E non o dicimos nós, dino as enquisas», conclúe. 

Librarías

Pendentes das feiras. As librarías son as que están a acusar dun xeito máis directo o impacto da actual crise. O peche abocounas a dificultades económicas que non son cousa dun futuro próximo, senón do presente. «É un período de tempo demasiado longo para unhas estruturas tan débiles coma as nosas», afirma a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez Álvarez. Porén, apenas se rexistraron expedientes de regulación temporal de emprego. «Os traballadores están axudando aos responsables económicos dos establecementos», loa. As librarías xa iniciaron os contactos coa administración autonómica e outras entidades como os municipios para abordar medidas para o sector. E tamén está o público: «Non lles imos dicir á xente en que gastar os cartos ou onde», expón, pero agasallar libros, por poñer un exemplo, é un xeito de axuda. Con todo, o foco principal está posto nas feiras do verán, non só unha referencia económica, senón toda unha actividade cultural e social. Igual que outras citas culturais, nas librarías ven como a situación sanitaria vai cancelando ou adiando o seu calendario. «Pensabamos en Compostela para a primeira semana de xuño, pero xa non», admite Pilar Rodríguez. «Tal e como están as cousas, se conseguimos facer a feira da Coruña entre os días 1 e 10 de agosto, xa será un triunfo». 

As bibliotecas propoñen medidas de dinamización con énfase no rural

Bamad, a asociación que agrupa a profesionais de arquivos, bibliotecas, museos e centros de documentación, propón unha serie de medidas coas que administración podería contribuír a paliar a crise no sector relacionado co libro. O colectivo pon un énfase especial en conectar o rural coas redes culturais e evitar o seu illamento, para o que achega como idea a creación de bibliobuses ou servizos móbiles de atención. Bamad tamén ve positivas iniciativas como o emprego das bibliotecas escolares fóra do horario lectivo e potenciar os contidos da plataforma GaliciaLe.

Outras iniciativas que cre serían beneficiosas sería retomar actividades de animación á lectura cando o confinamento o permita; a compra de novidades editoriais xa agora, aínda que se reciban máis tarde, e a posibilidade de poder facer pedidos ás librarías. Tamén propón dotacións específicas para adquisición de fondos nas bibliotecas escolares, programación de actividades aínda que sexa fóra da temporada das feiras, crear un bono cultural e campañas de dinamización no marco das librarías.

O préstamo de obras electrónicas multiplícase por cinco

O confinamento está a ter un notable impacto sobre unha das caras do negocio editorial: o do libro electrónico. Segundo Libranda, a principal distribuidora destes formatos dixitais en España, as vendas incrementáronse nun 50 % e medrou tamén o número de establecementos que quere sumar as vendas electrónicas aos libros impresos. Ademais, a recente aprobación polo Goberno da rebaixa do IVE ata o 4 % debería contribuír máis ao consumo e a reactivar o sector, segundo confía o Ministerio de Cultura.

E non se trata só do aspecto comercial. O libro electrónico multiplicou a súa demanda nas últimas semanas. Segundo os datos da Consellería de Cultura, a plataforma GaliciaLe experimentou un incremento notable con respecto aos seus números anteriores. Tomando como referencia a segunda quincena de marzo e a primeira de abril, os 4.388 préstamos do 2019 pasaron neste ano a converterse en 20.725. Tamén medrou a cifra de usuarios activos, que subiron de 408 a 2.875 para o catálogo en galego e de 1.381 a 5.432. Especialmente positivo é o dato de novos usuarios, que se multiplicaron dos 136 en galego a 2.198 deste ano e, en castelán, de 276 a 3.664. A isto contribuíu tamén a opción de autorrexistro, un formulario na Rede que permite a cidadáns sen carné de biblioteca pública acceder ao servizo. E non só se prestaron libros, senón que se inclúen películas de diversos xéneros.