Carvalho Calero, xa tocaba

Andrea Presedo
andrea presedo REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Tino Viz

O escritor ferrolán será o homenaxeado do próximo ano; os académicos ensalzan os méritos do autor e consideran que «é un bo momento» para esta celebración

20 jun 2019 . Actualizado a las 13:04 h.

A vida de Ricardo Carvalho Calero non foi sinxela. Pero el foi capaz de plasmar a complexidade da mesma ao longo das súas obras e, por fin, despois de varios intentos, será homenaxeado no Día das Letras Galegas do próximo ano. Haberá que esperar ata este sábado para contar coa confirmación da Real Academia Galega (RAG), día no que se celebrará o pleno, pero ao tratarse do único candidato para o 2020, as quinielas apuntan a Carvalho como gañador. «O primeiro en propoñelo para as Letras foi Francisco Fernández del Riego con Xosé Luis Franco Grande no 2005. Ao ano seguinte, del Riego repetiría a proposta en conxunto con Víctor F. Freixanes», explica Henrique Monteagudo, actual secretario da RAG. Todas as candidaturas que se presentan na Academia «son merecentes da homenaxe das Letras. Que non saia un autor un ano non significa que non se valore», apunta Monteagudo. Este ano cúmprense trinta anos da morte do autor polo que «é un bo momento para renderlle homenaxe», engade.

Paseo pola historia

O expresidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín, non é capaz de falar da figura de Carvalho Calero sen facer referencias ao contexto no que crece toda a súa obra. A homenaxe a este escritor «pode dar ocasión a revisar períodos históricos importantes como son a República, a posguerra e a represión do Franquismo». A guerra pillou ao literato precisamente cando se atopaba na capital. Carvalho Calero acababa de aprobar as oposicións para ser profesor de lingua castelá nos centros públicos. Pero o conflito trabou todos os seus plans. Fiel ao bando republicano, Calero chegou a ser tenente. «Non cabe dúbida de que pertence á Xeración do 36. Recibe ese nome porque todos os escritores que pertencen a ese grupo están marcados polo ano e pola guerra», concreta Ferrín. Trala derrota do bando republicano, o destino de Carvalho Calero afastouse moito de estar nas aulas como profesor. «Estivo preso e cunha condena de morte conmutada durante moitísimos anos», explica o expresidente. Non sairía do cárcere até 1941.

Movemento galeguista

Carvalho Calero «foi unha persoa moi activa na defensa da lingua e da cultura galega en tempos difíciles», resalta Marilar Aleixandre, escritora galega e membro da RAG. O literato participou na creación do Partido Galeguista e ata contribuíu na creación do Estatuto de Autonomía de Galicia do ano 1936.

Escribiu en importantes revistas literarias da época como A Nosa Terra, Nós e Grial. Ademais, «foi protagonista na fundación da editorial Galaxia», concreta Monteagudo. Sería aí onde toda a súa traxectoria académica despegaría. «Calero era o filólogo da súa xeración. A propia editorial encargoulle a el o libro Historia de literatura galega contemporánea (1963) e a Gramática elemental del gallego común (1966).

«A súa achega máis importante, para min, foron os estudos sobre literatura galega», concreta Monteagudo, quen foi alumno de Carvalho Calero na facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. «Xubilouse sendo sendo o meu profesor de lingua e literatura galega e creo que a súa homenaxe podería ser un motivo de grande regocixo para toda a cultura galega. Hai que recoñecerlle a súa traxectoria ao longo dun traballo marabilloso», engade.

Inma López Silva, autora galega, concorda coa necesidade de dar a coñecer esta faceta de Carvalho Calero: «É precisamente el quen marca o canon da literatura galega a través da súa obra do 63». A escritora enxalza a figura do autor, xa que o considera un «intelectual absolutamente represaliado». Reflexiona sobre o significado global da súa obra, que cree que conforma «unha memoria importante de como construímos a investigación sobre o que somos a través da literatura e da lingua».

Carvalho Calero foi, ademais, o primeiro catedrático de lingüística galega da Universidade de Santiago de Compostela «e da historia de Galicia», engade Ferrín.

A obra literaria

O escritor dominou todas as modalidades narrativas. Dende a novela ata a poesía pasando polo teatro e o ensaio. «Para min a súa mellor obra é Scórpio», sentenza Inma López Silva. Publicada en 1987, trátase da última novela que escribiu, apenas uns anos antes de morrer. «Penso que Scórpio amosa un sentido autobiográfico. É unha obra que permite analizar ese perfil persoal dos intelectuais da posguerra, xente que era chamada para selo todo porque xusto antes de comezar a guerra eran considerados mentes brillantes. A guerra pillounos no bando perdedor e iso destrozou as súas vidas», resume.

A escritora resalta ademais que a novela ambiéntase en Ferrol, onde naceu Calero. «É interesante porque non se trata dunha cidade especialmente literaria. Así, a novela consegue recoller unha urbe descoñecida na literatura e reflexiona sobre a vida cidadá».

Destacan tamén as súas pezas ensaísticas, nas que o autor facía unha fiel defensa do uso da lingua galega. Da Fala e da Escrita, Letras Galegas ou Sete poemas galegos son só algunhas das obras máis representativas do autor ferrolán. «Carvalho Calero foi unha das figuras fundamentais da cultura galega do século XX», remarca Monteagudo.

O reintegracionismo

A figura de Carvalho Calero estivo tamén marcada pola controversia que xerou nos seus últimos anos de vida. O lingüista e autor ferrolán é coñecido non só pola súa obra, senón tamén pola defensa dunha normativa ortográfica próxima ao portugués. Un aspecto que creou diferentes puntos de vista á hora de saír elixido como candidato en convocatorias anteriores. «A candidatura de Carvalho é delicada pola defensa que fai do reintegracionismo. É por iso que era necesario que a súa proposta saíra elixida cun consenso amplo por parte dos membros da Academia», comenta Marilar Aleixandre. Con todo, a escritora destaca que a homenaxe ten que centrase na persoa en cuestión: «Unha cousa é homenaxear a Carvalho Calero e outra que teñamos que estar dacordo con todo o que el propuxo. Son cuestións diferentes».

Pola súa parte, Xosé Luís Méndez Ferrín considera que a súa inclinación cara o reintegracionismo é unha das facetas máis interesantes deste autor. «A súa figura permitirá analizar un fenómeno, unha anomalía da nosa historia cultural. Carvalho Calero foi, sen dúbida, un dos ideólogos do lusismo», afirma.

A corrente reintegracionista, engade, «está aí e débese discutir de forma pública». De feito, o expresidente da Academia cree que o propio sería que durante o ano no que se homenaxee a Carvalho Calero, a actual xunta da RAG organice «un congreso sobre a súa figura para que vaia todo o mundo e se coñeza parte desta historia galega».