Silueta de urxencia dun humanista galego

x. l. axeitos MEMBRO DA REAL ACADEMIA GALEGA

CULTURA

ASPA

20 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Malia os intentos de cohesionar e estruturar a literatura galega por parte de Murguía co seu Diccionario de escritores gallegos, de Saralegui y Medina (Galicia y sus poetas) e de Eugenio Carré Aldao (La literatura gallega en el siglo XIX), non será ata 1963 que a obra de Carballo Calero Historia da literatura galega contemporánea 1808-1936 pon os fundamentos para logralo. Esta obra supón o maior esforzo de sistematización da nosa literatura. Sempre que nos referimos a Domingo Fontán admiramos o seu mapa de Galicia (1845) como a primeira obra que nos mostrou a nosa ubicación no mundo, que nos situou nunhas coordenadas de habitabilidade. Foi tan grande o impacto que provocou que ata o fidalgo que protagoniza unha das obras de Otero Pedrayo quixo ver, como derradeira vontade antes de morrer, o mapa de Fontán. Este percorreu durante máis de vinte anos cada curruncho da nosa xeografía para proporcionarnos a cartografía dos nosos camiños e ribeiras.

Non se me ocorre outro mellor símil para valorar o que supuxo para a historiografía literaria de Galicia a obra de D. Ricardo Carballo (Carvalho) Calero. Percorreu este tamén todos os camiños da creación literaria nominando cada autor e cada tendencia, poñendo nomes ao innominado e alumeando espazos pouco frecuentados. Estes esforzos soamente son posibles cando alenta detrás deles unha arela de construír e dignificar un país.

Tivo para cultivar este afán o maxisterio da xeración Nós colaborando activamente no SEG (Seminario de Estudos Galegos). Os ideais nacionalistas deste seminario interdisciplinar marcaron especialmente a personalidade de Carballo (Carvalho) Calero que se forma deste xeito nun clima de traballo académico e rigoroso que acabará levando ao resto da súa obra. Asume tamén, coherentemente, os presupostos políticos do Partido Galeguista con gran protagonismo na Universidade nos anos da República. Como consecuencia foi represaliado e apartado de todo cargo público ata que na década dos setenta regresa á Universidade. Padeceu, xa que logo, unha longa etapa de insilio exercendo como profesor no colexio Fingoy de Lugo.

Atento sempre ás necesidades do país, no ano 1966 publica a súa Gramática elemental del gallego común, obra necesaria para culminar a textualización da nosa cultura, outra arela patriótica que proba doadamente o seu anhelo de servizo ao país. Con este mesmo afán de servizo desde mediados da década dos 70 defende públicamente unha aproximación á lingua portuguesa na liña de Murguía, fundador e primeiro presidente da RAG, e doutros moitos intelectuais. Incorporou, naturalmente, estas ideas de reintegración cultural á súa gramática que na 7.ª edición incorpora cambios significativos na escolla léxica e morfolóxica. Aquí comeza a persecución, condena e postergación do intelectual entregado a facer visible o país. Carballo (Carvalho) ingresara na RAG en 1958 cun discurso sobre as fontes literarias de Rosalía de Castro, outro dos temas dos que foi pioneiro.

Nun determinado momento, que coincide co achegamento de Carballo ao lusismo, ocorre a dimisión de Isidoro Millán. Este propugnará desde o seu ingreso na institución, en 1975, a creación e funcionamento de seccións e seminarios propios para elaborar unha norma académica básica nos distintos eidos nos que tiña competencia a RAG. Esta petición, aínda hoxe ignorada, supoñía en realidade unha alternativa de funcionamento da institución: organizarse para que poidera cumplir os fins para os que foi creada e ao mesmo tempo sería unha pauta para eleccións futuras dos seus membros, que terían que responder ás necesidades do traballo institucional. A negativa da executiva, presidida por Sabell, desta petición, motiva a dimisión, ignorada, de Isidoro Millán en 1978. Era unha proposta sensata e coherente e unha alternativa de funcionamento da RAG alonxada de favoritismos e caprichos.

A alternativa elexida para acadar os mesmos fins normativos, estamos xa na presidencia de García Sabell, será depositar a confianza da RAG no emerxente Instituto da Lingua Galega que a partir de 1982 é coasinante das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. O insilio de Carballo Calero quixeron algúns darlle continuidade ata 2019 cumpríndose unha vez máis o regreso imposible dos desterrados. Tempo haberá de analizar con serenidade o proceso sen alporizamentos e sen griterío.

Non queremos que se esqueza a obra literaria de Carballo, que fecundou todos os xéneros. Poesía: Vieiros , 1931, Pretérito imperfeito (1980), Reticências (1990); teatro: A sombra de Orfeo, A arbre, Auto do prisioneiro etc.; narrativa: Xente da Barreira, Scórpio.

Sirvan estes apuntes para trazar o perfil dun intelectual galego que trazou camiños e mapas orientadores confiando sempre na palabra, coma os mellores humanistas que loitaron pola dignidade humana.

Xosé Luís Axeitos é membro da Real Academia Galega