O viño é unha bebida moi popular en Galicia dende tempo inmemorial, e, como é ben sabido, obtense da uva, despois dun laborioso proceso que require tempo, paciencia e cantos maiores coñecementos sobre a súa meticulosa elaboración, mellor. No século I, o xeógrafo grego Estrabón dicía que os galegos bebiamos habitualmente unha bebida que el denominaba zythos, e que podería ser como unha especie de cervexa ou sidra, xa que o viño escaseaba, pero cando se conseguía consumíase rapidamente en festíns familiares.
Así pois, aínda que quizais escaso, xa antes do tempo dos romanos tiñamos viño por estas terras e apreciabámolo para degustar en ocasións especiais. O que si nos trouxeron os romanos foi a técnica para o seu cultivo, e tamén algunhas das vides, que probablemente hibridarían coas locais daquel tempo ata converterse nas variedades que coñecemos na actualidade como autóctonas.
En Galicia temos cinco denominacións de orixe para o viño, que son Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei, e catro indicacións xeográficas protexidas, que son os viños Terra de Barbanza e Iria, Terra de Betanzos, Ribeiras do Morrazo e os Val do Miño-Ourense, o que supón un gran potencial de viños propios, que a día de hoxe gozan dunha excelente calidade.
Con todas estas zonas de produción nas mans de xente preparada e dende a honestidade, o viño galego está empezando a entrar nunha nova dimensión no mercado, e incluso comeza a ser recoñecido por grandes enólogos e expertos de todo o mundo, e isto é un gran paso, pero a tristeza é viaxar por diferentes lugares do mundo e apenas ver viños galegos na oferta das cartas dos restaurantes, nin nos centros comerciais, nin mesmo en tendas especializadas.
Coa calidade de viños que se elaboran hoxe en día en Galicia e coas boas empresas de mercadotecnia que temos cústame traballo entender que non estean máis estendidos fóra do noso territorio. Eu quero pensar que se trata dunha cuestión de tempo, de facer as cousas ben e de ir na dirección adecuada. Veremos!