«Un macho ibérico é un paleto»

Ana Abelenda Vázquez
Ana Abelenda REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Pinto & Chinto

Faia Díaz é Pinta no grupo De Vacas, que bateu récors coa súa versión do «Despacito»

30 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Faia Díaz (Santiago, 1988) é Pinta en De Vacas, o grupo musical que ri, canta, escacha moldes á galega e vén de bater récords coa súa versión do Despacito de Luis Fonsi. «Fixemos o Amodiño porque tiñamos a canción de Fonsi (Conchi, así lle chamamos na intimidade) furándonos a cabeza. A el gustoulle moito!, incluso veu felicitarnos», di con retranca Pinta, que para todo ten mu.

-Son tres vacas que rin e cantan xuntas. Como foi que comezaron a pacer?

-Cada unha no seu prado, practicando en playback diante do espello! Despois optamos pola concentración parcelaria, que facilita o traballo e é máis divertido...

-De que se coñecían Faia, Inés e Paula cando se converteron en Pinta, Marela e Morena? Por que vacas e non cadelas ou baleas?

-Coñeciámonos de cantar en distintos lugares. A música uniunos dende o comezo. Como vacas, chamabámonos así entre nós, porque nos gustan e queremos ser coma elas. O seu ritmo pausado, a elegancia no ollar e a dignidade coa que pacen. É o símbolo da paz, xa o dicía Castelao. Tamén dicía que a vaca galega ten o presebe en Galiza e os tetos en Madrid. Nós temos o presebe aquí e os tetos tamén.

-Como foi que se coou Guille Fernández neste prado coa guitarra?

-Xa estaba, el é a vaca rubia!

-«Non hai présa para comer a fresa», cantan. Suxestiva... Como paren as letras?

-Quedamos para esbardallar!, cada unha vai dicindo o que lle pasa pola cabeza, a modo de regueifa ou brainstorming, e o que máis graza nos fai a todas é o que finalmente cantamos.

-As Spice Girls e Marta Sánchez son, coma Fonsi, pura inspiración para De Vacas. O «Son eu» é un temazo para a revolución hormonal! Anímanse a facer un himno patrio ou que?

-A experta en himnos é Marta, e non lle estamos á altura. Ela é galega, temos un grupo de WhatsApp que se chama Mulleres Galegas Creadoras Poetas, Cantoras e Artistas, onde estamos nós, Uxía Senlle, Guadi Galego, e moitas outras... e tamén está Marta, claro, e sempre lle dicimos que se anime a facer un himno da súa comunidade autónoma! [risas].

-Que hai que ter para ser unha rubia galega de primeira?

-Hai que ser galega e rubia, ou querer selo. Querer e ter, neste caso, é a mesma cousa. Quero dicir que non fai falta ter nada material, non hai que mercar nada.

-Fontes de inspiración?

-Manexamos moitas fontes. As Spice Girls son unha, pero non podemos esquecernos dos Backstreet Boys e Berrogüetto!

-En que lugar de Galicia quedarían a pacer toda a tarde?

-Nun prado verde á beira dun río, coas cerdeiras en flor e as merlas cantando.

-Con música, humor e retranca gáñase a guerra da igualdade?

-Eu creo que non. Con música, humor e retranca poden darse moitos pasos, pero a guerra gáñase cando as institucións públicas, que son as que deben garantir que unha vida valla o mesmo ca outra, asuman este compromiso, con leis apropiadas, efectivas, e con educación.

-Que é un macho ibérico?

-Un paleto.

-Fan todos os días a cama?

-Si... só polo gusto de desfacela despois.

-Confesen que bailan «hits» fuleros, e ben contentas.

-Por suposto, montamos o grupo grazas a esa inspiración! Mólannos todos.

-Como pode acabar o «Pena penita pena» en «Pene penete pene»? Ai, se Lola Flores erguese a cabeza...

-Se cada español puxese unha peseta...

-Maluma pide unha versión bovina. Adiante!

-Si, si, nós a quen nos pida facémoslle a versión. Pediunos Enrique Igrexas e fixémoslla, pediunos Cristina de Aguieira e fixémoslla...

-Como viron ao presidente Pedro Sánchez na carreira pola conciliación, amodiño?

-O día que goberne unha vaca opinaremos sobre conciliación.

-Din que o 22 % das mulleres non se consideran feministas. Qué é o feminismo?

-A ver, habería que saber cal é esa porcentaxe no caso dos homes. Unha vez calculado o global, sería interesante preguntarlles a eles e elas que é o feminismo. Cito a Begoña Caamaño, que posuía o don da poesía nas definicións: «É o tempo do feminismo: da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e... por que non? Da felicidade».

-Só tres de cada dez homes poñen a lavadora. Que opinan?

-Parécenos que eses tres son xente aseada. Os outros sete, uns cochos. Igual lavan á man. Neste caso, nada que dicir.

-Eran as rebeldes do insti? Que aprenderon no cole?

-Somos rebeldes agora. No cole aprendemos as coreografías das Spice Girls e a patada voadora. E o guachinein, grazas ao labor espectacular do trilingüismo harmónico.

-Almorzarán con leite de vaca...

-Non, almorzamos con té. Temos unha comunicación fluída con vacas e gandeiras. Están fartas de que lles tiren dos tetos para despois malpagar o leite.

-No día a día, que machismos cantan máis?

-Os machismos matan, non cantan.

-O mellor que nos dá a terra?

-Os nabos e as nabizas.

-Cal é o sal da vida?

-Muuuuuuuuu!