A RAG réndese ao fenómeno «sapoconcho»:  «É unha das máis propostas para Palabra do Ano»

CULTURA

O termo galego que «Operación Triunfo» puxo de moda confírmase como o máis buscado na web da Real Academia Galega en decembro

14 dic 2017 . Actualizado a las 14:38 h.

Segundo o dicionario da Real Academia Galega «os sapoconchos son moi escasos en Galicia». Sen embargo, esta palabra, sinónimo de tartaruga, xa opta a converterse en Palabra do Ano 2017, na votación popular que promove por cuarto ano consecutivo o Portal das Palabras, unha iniciativa da propia RAG e a Fundación Barrié

A razón da eclosión do «sapoconcho» non ten dúbida. O santiagués Roi Méndez, un dos concursantes de Operación Triunfo favoritos do público elixiuna en pantalla como unha das palabras esenciais para iniciarse no estudo do galego. O éxito do programa, a simpatía do compostelán e a inesperada elección provocaron que «sapoconcho» se convertese rapidamente na palabra de moda no reality e no termo máis buscado no dicionario da RAG este mes. Ata o presentador Roberto Leal a emprega para explicar o que senten moitos seguidores do concurso despois de quedarse ata altas horas da madrugada para seguilo. O concursante galego fixo, ademais, un aceno moi celebrado na última gala. Mentres se sobreimpoñía en pantalla o termo «Sapoconcho», Roi Méndez cantou cunha tartaruga de peluche.

«Sapoconcho tiña ata decembro un número de búsquedas normais pero o impacto deste concursante, a partir dun feito sen transcendencia, foi tremendo», recoñece Manuel González, director do dicionario e coordinador do Seminario de Lexicografía da RAG

O académico da Real Academia Galega aclara que «sapoconcho», ademais de situarse como palabra máis buscada no dicionario no mes de decembro, escala posicións entre as máis propostas polos usuarios para converterse en Palabra do Ano. Compite con termos relacionados tanto co proceso secesionista catalán (tales como «referendo», «independencia», «proceso» ou «secesión») como cos da seca ou os incendios que ata hai pouco puxeron en prealerta a Galicia. «Lume», «vaga de lumes», «choiva» ou «eucaliptización» son así outros dos termos elixidos polos participantes.

O académico Manuel González, diante da RAG
O académico Manuel González, diante da RAG GUSTAVO RIVAS

A primeira fase da campaña para elixir a Palabra do Ano remata o vindeiro 17 de decembro cando se seleccionarán os seis termos máis significativos ou máis repetidos polos usuarios, unha escolla que volverá a someterse a votación ata o día 25. Dúas xornadas máis tarde, o 27 de decembro, darase a coñecer o termo ganador.

¿E se ao final resulta vencedora «sapoconcho»? «Iso demostraría o poder que teñen os medios de comunicación», esboza Manuel González cun sorriso.

En anos anteriores foron escollidas como Palabras do Ano «irmandade» (2016) -coincidindo co aniversario das Irmandades da Fala-, refuxiados (2015) e corrupción (2014). 

As máis buscadas do ano no dicionario

«Se se produce no dicionario unha acumulación excepcional de consultas sobre un termo, isto se debe a que pasou algo, normalmente relacionado con algún fenómeno social», acredita Manuel González. Así se entende, por exemplo, que «afouteza», a palabra máis significativa do himno do Celta e reclamo dunha campaña de aboados do clube, se confirme como a palabra máis buscada do ano na RAG, con moita diferenza respecto á segunda. O termo suma máis de 66.000 procuras no dicionario (nestes datos facilitados pola RAG non se contabilizan os realizados por medio de aplicacións para móbiles ou tabletas nin tampouco as consultas nas que o usuario escribe a palabra e xa ve no texto preditivo cal é a súa ortografía). 

Entre as máis buscadas do ano tamén figura «esmorga» -en quinta posición, con 23.286 buscas-, algo que Manuel González relaciona tanto co filme sobre a obra de Eduardo Blanco Amor como, sobre todo, coa ruta ourensá que permite revivir os capítulos do célebre libro. 

«Teimudo», unha das palabras máis tecleadas no dicionario nos dos últimos meses e que se sitúa no posto 25 entre as máis consultadas do 2017 (con 11.635 buscas), tamén se liga a outro impacto social en Galicia, neste caso ao novo anuncio de Gadis que presenta a historia de dous teimudos que se empeñaron en que todo o planeta baile a muiñeira

O responsable do dicionario galego explica que entre o resto de palabras máis buscadas do ano sitúanse algunhas xa habituais e permanentes como as que teñen que ver con problemas ortográficos, acentos diacríticos, dubidas sobre o «b» e o «v» ou sobre o «h». Así, os termos «só», «fóra», «mais», «máis», «présa», «presa», «gravar» e «ola» aparecen tamén na listaxe das 25 palabras máis tecleadas. 

Moitas consultas relacionadas co sexo

«O que si notamos é unha efervescencia xuvenil ao buscarse moitos termos relacionados co sexo», expón Manuel González. «Durante moito tempo foi 'conacha' a palabra máis rexistrada; algo que, ademais, ten un efecto chamada», explica o tamén catedrático de Filoloxía Románica na USC.

«Cona» aparece como segunda palabra máis consultada do 2017 con 27.234 buscas mentres que «conacha» é a sexta (con 22.547). Neste mes de decembro «pirola» é o terceiro termo máis buscado. 

Manuel González pon o foco, sen embargo, en palabras fermosas que non acostuman a aparecer nos primeiros postos pero que sempre son buscadas, como «bolboreta», «aloumiñar» ou «queixume» e, tamén, en termos pouco convencionais que este ano si que foron moi buscados como «dioiva» (sinónimo de diluvio), unha circunstancia que relaciona co mundo educativo, de onde veñen unha gran cantidade de consultas do portal.