«Irmandade», elixida por votación popular Palabra do Ano 2016

O termo impúxose con 623 votos dos máis de 2.000 emitidos a «porcoril», «alburgada», «eleccións», «populismo» e «xenofobia»


Redacción / La Voz

Un termo para acabar o ano cunha mensaxe de solidariedade e reivindicación. Irmandade foi elixida Palabra do Ano 2016 na votación popular que promove o Portal das Palabras, unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Foron 623 votos das máis de dúas mil persoas que participaron no proceso final de selección e que permitiron a irmandade impoñerse ás outras cinco palabras que competían pola distinción.

Unha escolla acaída polo significado da palabra -«Relación estreita de afecto que resulta de convivir ou de compartir unha maneira de pensar» na primeira acepción do Dicionario da RAG e «Asociación de persoas que teñen os mesmos ideais, a mesma crenza en determinada materia, fundamentalmente de tipo relixioso» na segunda-, que remite a un concepto de solidariedade, necesario máis ca nunca en tempos difíciles e incertos. Pero tamén axeitada pola celebración neste 2016 do centenario da constitución das Irmandades da Fala, un movemento a prol da lingua galega e da dignificación de Galicia cuxo exemplo mantén a vixencia.

Xa que logo, a elección de irmandade transmite optimismo e cooperación, compartindo o matiz reivindicativo de refuxiado, Palabra do Ano do 2015, pero en decidido contraste coa escolla do 2014, corrupción: podería dicirse que ambas son antitéticas. En canto ás finalistas deste 2016, a segunda posición ocupouna porcoril, un neoloxismo xurdido para nomear o cruce de porco vietnamita e xabaril, demostración evidente da capacidade de adaptación e evolución dunha lingua que pode idear termos de seu para responder a novas realidades, condición indispensable para afrontar o futuro.

Se porcoril recibiu 481 votos, foron 372 os que apoiaron alburgada, outro exemplo da flexibilidade e enxeño da lingua. O que o Dicionario define como «Aquilo que unha persoa presenta como certo, sabendo que non o é, para enganar a outra» é empregado en galego para achegarse a outro concepto moi do 2016, posverdade, demostrando unha notable capacidade para tirar de recursos propios e evitar o calco lingüístico, neste caso, do inglés. Os votos restantes foron para as outras tres palabras finalistas: eleccións, populismo e xenofobia.

As seis palabras chegaron á fase última, seleccionadas polo equipo do Portal das Palabras de entre todas as recibidas na primeira fase da campaña. Os criterios empregados para a escolla foron a popularidade, os termos con maior proxección pública ao longo do ano que remata e as que destacaban pola súa carga significativa ou a construción morfolóxica.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Irmandade», elixida por votación popular Palabra do Ano 2016