Malvivir ben

Xulio Érbedo

CULTURA

Revisei o aspecto da súa cabeza diante do espello, centrei axeitadamente o nariz, comprobei o cableado ocular e o ecualizador das dobras voca-dixitais. Axustei tamén un dedo da man esquerda que comezaba a dar erros. «¡Todo O.K.!», informou o meu autosuficiente robot mentres me servía o almorzo na cama.

«Ben», respondinlle, « hoxe, despois de traerme o xornal, pasarás a aspiradora, arranxarás o xardín e irás á compra. ¡Ah! E limpa o coche antes de facer a comida», concluín mentres tomaba un aromático café. Lim Coc (abreviatura de «Limpa e Cociña»), o meu pequeno autómata, partiu axiña a facer as súas tarefas. Ben sabía que mentres eu estivera no meu cuarto non debía facer ruído, polo que resolveu dedicarse ao xardín e deixar a aspiradora para outro momento.

Devorei, como sempre, todo o almorzo, acurrunxándome de novo entre as amidonadas sabas. «¡Que gozada!», pensei entre sonos. Dende logo, os chineses déronnos unha boa lección tecnolóxica con estes aparellos, conseguindo implantarlles un programa informático semellante á mente humana e, sobre todo, que os producían a un prezo incontestable? ¡case que se vendían xa en Cadena 100!

Pasaron unhas semanas de preguizosa felicidade, pero, antes do Nadal, a empresa onde traballaba presentou un ERE e quedei na rúa. Gardando cola no INEM informeime de que algo parecido lle acontecera tamén a un amigo, a dous parentes, catro veciños e a 150 coñecidos da zona dos viños. Pouco a pouco o país sumiuse nun tremendo paro. Na oficina de emprego, despois duns angustiosos meses, fixéronnos unha multitudinaria oferta: tres millóns de postos de traballo. Iso si, moi lonxe do noso país e mal retribuídos, pero, visto o visto (e o saldo pendente da hipoteca), era de todo punto irrexeitable.

Ao preguntar onde iamos ir e para que, nos informaron laconicamente: «É na China. Para fabricar robots para os chineses».

Xulio Érbedo está xubilado, ten 63 anos e vive na Coruña