EMPEÑOS

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

Á MARXE / Carlos Casares

12 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Eu non sabía que aínda existe eso que se chama o Monte de Piedade, onde a xente empeña cousas a cambio de diñeiro. Pensei que ese tipo de institucións xa desapareceran, pero o outro día dixéronme que non, aínda que, polo visto, están algo modificadas. Na miña época, algúns estudiantes empeñaban libros, reloxios de certo valor e outros bens semellantes, pero quen en realidade recorría con frecuencia a ese mecanismo de préstamo para pobres era a xente sen posibles. Deixaban alí roupa, incluso as sábanas e os cobertores. Podíase facer un libro espléndido sobre os empeños e quizais aínda se está a tempo, pero pronto será difícil. Cando me falaron do asunto, sorprendeume coñecer os obxectos raros que se levaban ó Monte de Piedade, pero ningún tan estrafalario como o dun estudiante, compañeiro do doutor Corredoira, da Coruña, que usaba un paladar (mellor dito, un padal) dun metal valioso, por ter o labio leporino, e que o empeñaba todos os fins de mes. Supoño que habería ollos de cristal, porque por un de verdade seguro que non daban nada.