«O acto máis sublime de amor...»

RODRI GARCÍA A CORUÑA

A CORUÑA

JOSE MANUEL CASAL

Xentes da cultura homenaxean a Xabier Docampo descubrindo, no Rosalía, historias da súa amizade co escritor

25 may 2019 . Actualizado a las 20:36 h.

«O acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia». Isto dicía Xabier Puente Docampo (Rábade, 1946-A Coruña, 2018) nunha conversa na que lembraba as orixes do seu desexo de ser narrador: «Eu tiña un exemplo magnífico que era meu pai. Ás veces, cando outra xente na casa contaba algo, sempre dicía alguén: 'Iso quen o conta ben é Raimundo, cóntao ti Raimundo'. E empezaba coa mesma historia, que era totalmente distinta e dábaste conta que o importante era o narrador, a autoridade do narrador, que é a autoridade de ter vivido. As cousas máis inverosímiles ninguén as poñía en dúbida. Iso é o que me tiraba». Foi o que fixo de Docampo un referente na cultura galega, un contador de historias que envolvía sempre nun enorme agarimo a quen o escoitaba.

Cando se achega o primeiro ano do seu pasamento, as súas amizades van tentar devolverlle tantos actos de amor como tivo con elas contándolles historias. O vindeiro mércores, día 29, no teatro Rosalía, as 20.30 horas, algunhas das moitas persoas que o coñeceron descubrirán como foron tecendo esa amizade. Será baixo o lema Xabier Docampo na voz da amizade.

«O acto terá formato de conversa en tres grupos para falar das tres facianas que explican moi ben a Xabier: o ensino, a literatura e o activismo», indican os organizadores, a asociación Alexandre Bóveda e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) [Ás 18.00 horas esta entidade colocará unha placa na casa onde viviu Docampo]. Na mesa do ensino participarán Alfonso García Sanmartín, Xavier Senín e Fina Casalderrey; na da literatura María Canosa, María Xesús Fernández e Paco Martín e sobre o activismo do escritor falarán Xosé Manuel Pereiro, Suso de Toro e Manuel Bragado. 

A chamada das once da noite

Tamén intervirá Xosé Cobas, ilustrador de moitas obras de Docampo, como O libro das viaxes imaxinarias ou A illa de todas as illas, os dous en Xerais. A fondura da amizade entre escritor e ilustrador quedou reflectida no que contaba Cobas nun acto de lembranza que tivo lugar na libraría Lume, onde Xabier tiña un faladoiro. Contaba Cobas como durante máis de 25 anos, tódalas noites, ás once, Xabier chamaba por teléfono e falaban. [«As veces de asuntos moi serios como que se me acabara o licor café», contaba Docampo falando desas conversas]. Durante unha viaxe do escritor a Cuba, Cobas deu por feito que eses días non habería chamadas. Trabucouse. Xabier chamouno para contarlle que estaba nunha escola falando dos seus libros e pedirlle que saudara aos escolares. «Ese era Xabier», resumía o ilustrador.

No Rosalía, a música será de Miro Casavella, presentará Iolanda Castaño, Paula Carballeira falará do relato oral e Daniel Laxe e Uxía López darán lectura a textos dun autor pioneiro. Así o conta María Xesús Fernández nun texto que recibirán os asistentes: «Xunto con outros escritores e escritoras da súa xeración, correspondeulle crear unha nova literatura máis acorde cos tempos e cun concepto de infancia que xa non era considerada unha etapa imperfecta de transición». 

Amor pola narración tradicional

Salienta esta especialista que «soubo revitalizar a tradición» e pon como exemplo o libro Cando petan na porta pola noite, Premio Nacional de Literatura Infantil en 1996. Sobre esta obra dicía Docampo: «Se algunha singularidade ten é a de tentar recuperar o amor pola narración tradicional, o amor polo desexo da ficción, polo desexo de contar historias. Cando escribín estas non me preocupaban tanto as historias, que son imaxinarias miñas, senón a forma de contar. ¿Por que aquela cerimonia de contar tiña aquel atractivo? ¿Como había aquel respecto tremendo polo narrador, que era unha especie de ministro sacramental que nos convocaba a todos? Creo que porque estabamos sendo obxecto dunha transmisión importante para o grupo, para a tribu, que era a transmisión da cultura e a transmisión da oralidade. Aqueles contos contábanse, e iso era o que me interesaba captar, cun desexo de que se seguiran contando».

Catorce entidades lembran en Santiago «ó mestre das viaxes imaxinarias»

«Ler a súa obra é a máis digna homenaxe a un escritor». Isto di Pilar Sampedro, que organiza o acto de lembranza a Xabier Docampo que terá lugar na biblioteca Ánxel Casal de Santiago o día 4 de xuño. Pola mañá, a partir das 11.00, lerá o alumnado de centros públicos de Santiago e pola tarde, desde as 17.00 horas, farano persoas das 14 entidades participantes nesta lembranza de «o mestre das viaxes imaxinarias. En moitas destas asociacións ten participado Xabier P. Docampo; é o caso da Nova Escola Galega, a Revista Galega de Educación ou Preescolar na casa. Tamén foi creador de Prolingua e de GALIX, entidade da que foi presidente. Ademais ten colaborado con Xermolos, de Guitiriz, ou coa Irmandade Manuel María, que tamén o teñen honrado con recoñecementos. «Docampo foi un home comprometido coa sociedade civil e o asociacionismo, por iso é normal que sexan moitas as organización que queren sumarse á súa homenaxe», apunta Pilar Sampedro.