A Costa da Morte dille adeus a Xabier P. Docampo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

JOSE MANUEL CASAL

O escritor, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, faleceu aos 72 anos

28 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Querer escoitar historias, oír contos, está na base primixenia da literatura, mesmo antes de saber ler. Con verbas ben similares a estas lembraba onte a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso ao escritor e mestre Xabier P. Docampo, falecido nas últimas horas. Foi un intenso colaborador da entidade, un deses «vellos amigos» que sempre estaban dispostos para O Couto e para outras localidades. Tamén Dombate.

Xabier P. Docampo tivo sempre vinculación coa Costa da Morte e non só a través das súas visitas a colexios, con obras como «Cando petan na porta pola noite», unha das máis lembradas por moitos nenos, hoxe xa adultos. Non obstante, as visitas de Docampo a esta comarca foron moitas e diversas. Non hai moito, a finais do 2015, daba conta nesta mesma edición de La Voz de Carballo do retomar dun proxecto que databa duns trinta anos antes. Naquel tempo, a raíz dun curso de cinema coa Universidade de Santiago no 1988, decidiran rodar un filme e elixiran para iso a Costa da Morte. Pasaran 33 anos e a obra ía presentarse no Culturgal, en Pontevedra. «Rodamos durante unha semana en Camariñas e Laxe, concretamente en Camelle, Cereixo, Xaviña, pero o esencial rodouse no Monte Branco de Camariñas, o que está por riba da praia do Trece, na duna rampante», contaba hai algo máis de dous anos o propio Xabier. «Un lugar fantástico», dicía el, no que os tres decenios que pasaran tamén se notaban: «Hai unhas rochas no Monte Branco que nestes 33 anos perderon case tres metros de area», dicía o escritor. Tamén no seu día se rodara na comarca, e moi particularmente en Baio, o filme «A casa da luz», baseada nunha das obras de Xabier P. Docampo. Déuselle onte o adeus a un Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, un renovador desta. Tiña 72 anos.