Jerónimo Díez: «Os nenos tamén necesitan aburrirse»

A CORUÑA

Preto de mil nenos pasarán polas actividades e campamentos de verán que leva coordinando no Concello de Oleiros dende hai case 20 anos

15 jun 2018 . Actualizado a las 10:19 h.

Leva case 20 anos coordinando os campamentos e as actividades para verán do Concello de Oleiros. «As cousas cambiaron moitísimo: agora todo está programado e moi profesionalizado. Iso é bo, pero tamén se perdeu un pouco de espontaneidade», sostén. A partir do 27 deste mes, unha vez rematen as clases, pasarán polas actividades de verán preto de mil nenos.

-Cales son as novidades?

-Temos unha excursión a Lira e Carnota, de cinco días, que van ser moi intensos e ten moi boa pinta. Tamén un intercambio cultural co sur de Italia no que temos postas moitas esperanzas.

-E os máis demandados?

-Os multideporte sempre son un éxito. Tamén as escoliñas de artes plásticas. Despois tamén gustan moito os obradoiros de curtametraxe e fotografía, e tamén outros de robótica e programación que soen chamar moito a atención dos país e os nenos.

-Cal é a principal preocupación dos pais?

-Aos país non lles gusta nada a palabra aventura. Sempre organizamos unhas xornadas informativas previas para tratar de tranquilizalos, para que vexan que os nenos van estar ao coidado de profesionais, e que ademais é xente que traballa todo o ano con nós, non só de forma puntual no verán.

-O obxectivo dos campamentos é a conciliación ou que os nenos se divirtan?

-Son actividades educativas. Pretendemos, cos medios que temos, darlles unha actividade e que conecten co entorno, aprendan valores e se relacionen con outros amigos. Non son actividades fundamentalmente de conciliación, queremos que os nenos o pasen ben. A veces os pais acoden a nós dicíndonos «que fago cos meus fillos», pero nós non pretendemos facer garderías para os nenos. Cremos que os pequenos tamén necesitan aburrirse e encontrar maneiras de entreterse por si mesmos, que esperten intereses neles.

-Pola súa experiencia, que é o que máis valoran os nenos que pasan polos campamentos?

-Son máis conscientes do que hai cerca da súa casa e do seu cole. E despois aprenden tarefas comúns, como, por exemplo, poñer a mesa. Iso encántalles e moitos están felices despois de facelo tamén na súa casa. Son pequenas cousas que os enriquecen.