O misterio da flor vermella

CIENCIA

Científicos da USC investigarán no Courel a causa de que a xanzá das montañas galegas sexa diferente das doutras zonas

11 nov 2009 . Actualizado a las 11:21 h.

A xanzá -en castelán genciana- é unha planta medicinal propia das zonas de montaña que está presente en numerosas áreas do sur e do centro de Europa. A que crece nas serras orientais galegas e nos territorios limítrofes de Asturias e León presenta una rechamante peculiaridade que a diferencia da que se cría ao longo da Cordilleira Cantábrica e dos Pirineos e noutros puntos da Península: as súas corolas non son amarelas, senón avermelladas ou alaranxadas. De momento non se sabe a causa desta diferenza, que levou a clasificar a xanzá galega como unha subespecie da Gentiana lutea , denominada Gentiana l. aurantiaca .

Un equipo de científicos da Universidade de Santiago (USC), dirixido polo biólogo Javier Guitián, iniciará proximamente un proxecto de investigación para tratar de averiguar a que deben as súas peculiaridades as xanzás do Noroeste. A iniciativa contará cunha axuda de en torno a 100.00 euros que acaba de conceder o Ministerio de Ciencia e Investigación e os seus responsables esperan poden desenvolver boa parte do proxecto na estación científica que a USC está construíndo en Seoane do Courel e que se prevé terminar a finais de ano.

Relación con animais

Guitián sinala que o equipo estudará especialmente as relacións da xanzá -tanto da amarela como da variedade galega- coas diferentes comunidades animais. «Pensamos que é mais probable que as diferenzas se deban á interacción das plantas cos animais polinizadores ou herbívoros que á influencia dos terreos onde medran, porque en principio a composición dos solos non debería orixinar esas diferenzas», apunta o biólogo. O estudo comprenderá tamén a análise química das plantas, coa fin de determinar mellor as peculiaridades da subespecie occidental. A investigación axudará a mellorar o coñecemento da bioloxía dunha planta que está aínda moi pouco estudada no seu medio natural.

O estudo efectuarase en varias comunidades de xanzás localizadas na Serra do Courel -a planta abunda especialmente no cordal dos montes Formigueiros e Pía Paxaro- e en zonas da área cantábrica onde medra a subespecie amarela.

A xanzá é unha planta herbácea -protexida pola lei- que crece principalmente nos terreos de pasto e de monte baixo en alturas comprendidas entre os 800 e os 1.800 metros. É moi lonxeva e crece mediante un talo simple que chega a alcanzar unha altura de metro e medio. No Courel, como en moitos outros lugares onde medra, utilízase con grande frecuencia na medicina popular. Atribúenselle propiedades como dixestivo, tónico estomacal, hipertensor, febrífugo, vermífugo e estimulante das secrecións gástricas e intestinais, entre outras. Utilízase tamén como compoñente na elaboración de bebidas tónicas amargas. Na localidade leonesa de Villablino existe unha asociación dedicada á fomentar a conservación e o aproveitamento industrial desta especie.